Dálisson de Almeida, un extremo "rápido e con bo un contra un" e co seu paisano Álex Gónzález como referente

Pontevedra
23 de agosto 2023

"Son un xogador rápido, con bo un contra un", sinala a última fichaxe do Pontevedra Club de Fútbol, que asegura ter vivido unha rápida adaptación ao club e á cidade en boa medida polo seu paisano e capitán granate Álex González. "Somos do mesmo pobo e axudoume moito", revela

Dalisson de Almeida, no seu primeiro adestramento co Pontevedra
Dalisson de Almeida, no seu primeiro adestramento co Pontevedra / Pontevedra CF SAD

Apenas pasou unha semana desde a súa chegada ao Pontevedra Club de Fútbol, pero Dálisson de Almeida atópase xa adaptado ao club granate e á cidade. 

"Os compañeiros acolléronme moi ben", recoñece o extremo, que contou coa axuda inestimable do capitán do equipo, Álex González, todo un referente para el porque "somos do mesmo pobo, axudoume moito", revela.

"Cando asinei pregunteille onde buscar piso e outras cousas e foime axudando", explica o cántabro.

En canto ás súas primeiras sensacións co equipo "gustoume moito sobre todo a intensidade dos compañeiros e a profesionalidade que teñen todos, estamos todos implicados e iso axuda moito", asegura.

De Almenida chega a Pontevedra tras pasar nos últimos anos por Valladolid Promesas, con quen xogou en Primeira RFEF, e Rayo Cantabria, e faino con ambición. "No persoal igualar os números que fixen o ano pasado (6 goles) e no colectivo por que non buscar o ascenso, é pronto para dicilo pero seguro que daremos todo para estar aí arriba", defende sobre os seus obxectivos.

Ten dous anos por diante, o que fixa inicialmente o seu contrato, para demostrar por que se fixou nel o club granate, que era "a mellor opción que tiña" para continuar a súa carreira. Encomia ademais "o estadio, que é moi bonito, o club" e a un Charles que lle convenceu rápido porque "en canto falei con el díxome que ía ser un bo equipo para ascender".

Pero que poden esperar os afeccionados do Pontevedra de Dálisson de Almeida, pois "o irán vendo, pero son un xogador rápido, con bo un contra un", defínese. 

Espera achegar goles tamén ao equipo, aínda que a puntería, ou a falta dela esta pretempada, non é algo que lle preocupe en exceso porque "ao final onde temos que marcar goles é durante a tempada, non hai que estar nerviosos porque a pelota non entre".

Centrado xa no debut en liga, Dálisson só pensa na Gimnástica de Torrelavega e na súa estrea en Pasarón, porque "estou a esperar con moitas ganas poder xogar aí".