Contra vento e marea, apelando á épica unha vez máis, o Pontevedra conseguiu sobrepoñerse a un rival duro, que se empregou ao límite do regulamento, e a unha arbitraxe de toque máis que caseiro para derrotar á Peña Sport, cun golazo de falta directa transformada por Adrián Mouriño no último minuto, cando os granates xogaban en inferioridade numérica tras unha máis que rigorosa segunda amarela que o colexiado mostrou a Campillo.
Os de Luisito fixeron un partido práctico, nun escenario complicado. O céspede de San Francisco, aparentamente en bo estado, atopábase brando e moi pesado, empeorando a medida que transcorrían os minutos, o que dificultou en gran medida os intentos de manexar o balón do Pontevedra, na mesma medida que favorecía o fútbol máis físico do conxunto navarro.
Foi unha vitoria tan merecida como sufrida. A actuación arbitral, permisiva cos xogadores locais, tivo ademais dous momentos craves que puideron cambiar o signo do partido. O primeiro ao sinalar como penalti unha caída dentro da área de Manjón ante Adrián, na que o lateral pontevedrés non chegou a tocar a un rival que se tirou claramente, e o segundo ao deixar con dez aos visitantes a falta de doce minutos, sacando o segundo cartón amarelo a Campillo por desprazar o balón, cando en realidade sufrira el unha clara falta.
Da primeira circunstancia non sacou partido o equipo local, que fallou o penalti sinalado polo árbitro catalán, pero da segunda si, logrando neutralizar a vantaxe granate lograda por Mouriño. Menos mal que o mesmo Mouriño devolveu a xustiza ao marcador cando xa case ninguén o esperaba, co seu segundo gol nun lanzamento de falta maxistral, ao límite do tempo regulamentario.
A primeira parte foi espesa en canto a xogo e presidida pola igualdade. Poucas ocasións nas áreas, cun remate de cabeza local que se marcharía fóra, e a mellor para o Pontevedra, case ao fío do descanso, cando Borjas plántase ante o meta Jorge, pero ao tentar superalo cunha vaselina manda o balón alto.
Na reanudación a Peña Sport tentou dar un paso adiante e puido adiantarse no marcador (minuto 56). Evitouno Edu, cunha gran intervención para mandar a corner o remate de Barace.
Con máis espazos, o Pontevedra atopouse máis cómodo, logrando adiantarse no minuto 59, tras unha deixada de Pablo Carneiro que Mouriño empalmou por raso desde o bordo da área.
Catro minutos máis tarde chegaba o inexistente penalti sinalado polo colexiado na caída de Manjón ante Adrián. Itu encargouse do lanzamento, pero estrelou o balón no traveseiro.
O Pontevedra dominaba e controlaba o partido, estando a piques de conseguir o segundo nun centro de Mouriño que Itu, ao tentar despexar, manda ao poste. Logo chegaría a expulsión de Campillo que permitiu aos navarros irse arriba en busca do empate. Lográrono a falta de catro minutos nun descoido defensivo galego, cun balón que Imanol, libre de marca, cruza xunto ao poste dereito.
Parecía que o partido ía terminar en repartición de puntos, pero una contra granate termina en falta ao bordo da área. Mouriño executouna de forma maxistral para volver poñer por diante o Pontevedra. Mesmo no desconto puido chegar o terceiro dos granates, pero Anxo non acertou a definir nunha contra.
PEÑA SPORT (1): Jorge; Goñi, Garde, Iván, Éder; Itu (Cardo, minuto 82), Beñat (Imanol, minuto 70); Toni, Barace, Jorge Rodríguez (Maeztu, minuto 65); e Manjón.
PONTEVEDRA CF (2): Edu; Adrian, Campillo, Capi, Verdú; Kevin Presa, Álex Fernández; Jandrín (Anxo, minuto 47), Mouriño, Jacobo (Pablo Carnero, minuto 54) e Borjas (Pablo, minuto 73).
Árbitro: José Emilio Sánchez Aparicio (Cataluña), auxiliado nas bandas por Joaquín García Hernández e Jonathan Miguel Teruel. Expulsou por dobre amoestación ao xogador do Pontevedra Campillo (minuto 78). Amoestou a Iván, Itu, Toni, Barace e Jorge Rodríguez, pola Peña Sport, e a Capi, Adrián e Pablo, polo Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 59: Mouriño. (1-1) Minuto 86: Imanol. (1-2) Minuto 90: Mouriño.
Incidencias: Campo Municipal San Francisco (Tafalla). Uns 500 espectadores.