Cuarto título mundial para Javier Gómez Noya tras finalizar terceiro en Edmonton

Pontevedra
31 de agosto 2014

O triatleta afincado en Pontevedra revalida o seu título de campión das Series Mundiais de Triatlón cun terceiro posto na Gran Final de Edmonton. O liderado da xeral non perigou en ningunha fase da carreira para un Gómez Noya que se limitou a controlar os seus principais rivais, Jonathan Brownlee e Mario Mola

Javi Gómez Noya saudando o francés Vincent Luis, tralo tríatlon de Hamburgo
Javi Gómez Noya saudando o francés Vincent Luis, tralo tríatlon de Hamburgo

Por cuarta vez na súa carreira Javier Gómez Noya proclamouse campión das Series Mundiais de Tríatlon grazas a un terceiro posto na Gran Final de Edmonton.

En Canadá o galego valíalle con finalizar en cuarto lugar sen pensar nos resultados dos seus rivais, e con esa tranquilidade saíu a competir logrando que o campionato non perigase en ningún momento.

O triatleta afincado en Pontevedra saíu da auga na décimo sétima posición, situándose no grupo de cabeza ao inicio do sector ciclista.

A proba non resultou moi rápida no seu primeiro tramo, o que propiciou que se formase un gran pelotón na bicicleta. Nas últimas voltas deste sector escapouse un trío con Alistair Brownlee, Colucci e Blummenfelt, circunstancia que non inquietou a Gómez Noya.

Chegaron á última transición cun minuto e 18 segundos de vantaxe. Non obstante Colucci e Blummenfelt descolgáronse e pronto foron alcanzados polos tres de favoritos para a xeral, con Gómez Noya, Mario Mola e Jonathan Brownlee.

Por diante o seu irmán Alistair camiñou firme cara ao triunfo en Edmonton (1:48:44), mentres no grupo perseguidor estaba todo decidido. Mola (1:49:04) e Gómez Noya (1:49:07) descolgaron a Jonathan Brownlee para entrar en segundo e terceiro lugar respectivamente e asegurar un dobre histórico, dous españois no máis alto das Series Mundiais, co mallorquino no segundo caixón do podio final.

Con este resultado Pontevedra volverá presumir, polo menos un ano máis, de contar nas súas rúas con todo un campión do Mundo de triatlon.