A só tres puntos do podio quedáronse Fernando Echávarri e Tara Pacheco no Trofeo Princesa Sofía de vela tras a disputa este sábado da definitiva Medal Race.
O dúo galego-canario foi finalmente cuarto na xeral do Nacra 17, o que lle asegura virtualmente a súa clasificación para os Xogos Olímpicos de Río de Janeiro.
Na última xornada Echávarri e Pacheco superaron aos italianos Vittorio Bissaro e Silvia Sicouri na loita polo terceiro posto, pero ao mesmo tempo foron adiantados polos daneses Allan Norregaard e Anette Viborg.
Tamén tomaban parte na Medal Race, en augas de Palma de Mallorca, Támara Echegoyen e Berta Betanzos no 49er FX. Asinaron un sétimo posto parcial para caer ata a décima praza da xeral tras unha competición complicada.
"A semana complicóusenos un pouco, tivemos pequenas anécdotas que nunca nos pasaran, por exemplo soltouse o cabo do botalón e tivemos un problema cunha driza" comentou a pontevedresa tras a proba.