Cuarto empate consecutivo do Arosa que reparte os puntos coa UD Ourense (1-1)

O Salnés
26 de xaneiro 2020

De novo, o Arousa comezou co marcador a favor pero a Unión Deportiva Ourense reaccionou a tempo para igualar o encontro e facer sufrir aos de Rafa Sáez no que quedaba de encontro

Partido entre o Arosa e o Alondras no Salvador Otero
Partido entre o Arosa e o Alondras no Salvador Otero /

Cuarto empate consecutivo para o Arosa, que recibiu no campo de Vilaxoán á Unión Deportiva Ourense. De novo, os de Rafa Sáez comezaron gañando pero o conxunto visitante reaccionou a tempo para igualar o encontro. 

A UD tivo a primeira no minuto 6. Rubén Durán lanzou unha falta lateral que rexeitou Manu Táboas sen perigo, dando paso a varios minutos onde ambos os equipos querían o balón. De novo volveron ter os de Ourense, esta vez con máis claridade. Tiago Rodríguez desfíxose de dous rivais para ceder o balón a Isi e este a Rubén Durán que disparou rozando o pau da portería local.

Pasaban os minutos e o Ourense seguía dominando. No minuto 19, o Arosa conseguiu sacar o balón de linea de gol, e no 21, Manu Táboas tivo que intervir para sacar cos pés o remate de cabeza de Isi.

Continuaba o 0-0 e os de Rafa Sáez tiveron a súa primeira ocasión. No minuto 31, Javi Otero tivo un man a man co gardameta visitante pero ao final foi este último o que gañou o esférico cando a bancada xa cantaba o gol. A partir de aí, o Arosa comezou a xogar os seus mellores minutos achegándose con perigo pero sen fortuna á área do Ourense.

O paso polo vestiario sentou ben aos de Vilagarcía, que tiveron a primeira ocasión nada máis comezar a segunda metade, 5 minutos despois, chegaría o gol. Pedro Beda foi o encargado de rematar de cabeza un saque de esquina botado por Suso e así poñer aos locais por diante no luminoso, que tiveron a oportunidade de ampliar a vantaxe cun disparo de Rober, pero o porteiro visitante impediuno.

Acto seguido, no minuto 55, a UD Ourense igualaba de novo o encontro. Pablo Corzo rematou a falta sacada por Rubén Durán e con axuda da defensa puxo o 1-1. O gol fixo dano aos locais, que comezaron a sufrir coas continuas chegadas do rival, pero a defensa e Manu Táboas impediron que o resultado cambiase. 

Con este resultado, o Arosa suma o seu noveno empate no que vai de liga e segue en cuarta posición con 36 puntos e a tan só un punto do Barco.

Consulta a acta do Arosa-U. D. Ourense na seguinte ligazón.