Cruz para a tripla representación pontevedresa no Mundial de Ciclocrós

Pontevedra
03 de febreiro 2024

O frío e o barro abundante foron os protagonistas do día, cun circuíto máis brando e esvaradío do habitual que condicionou todas as carreiras  

Equipo júnior feminino no Campionato do Mundo de Ciclocross
Equipo júnior feminino no Campionato do Mundo de Ciclocross / Real Federación Española de Ciclismo

Cruz para a tripla representación pontevedresa no Campionato do Mundo de Ciclocrós que se disputa durante esta fin de semana na localidade de Tábor, na República Checa.

O frío e o barro abundante foron os protagonistas do día, cun circuíto máis brando e esvaradío do habitual que condicionou todas as carreiras.

O inicio da xornada foi para a carreira júnior feminina, que contou coa presenza das pontevedresas Lorena Patiño (XSM Marín) e Aroa Otero (Supermercados Froiz).

A campioa de España tivo dificultades na saída e no primeiro xiro, pero aos poucos foi remontando ata colocarse dentro das trinta mellores e cruzar a liña de meta no posto 24. Aroa Otero, pola súa banda, chegou de 41.

Unha hora despois de comezar a carreira júnior foi a quenda da sub23 masculina, con Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) como un dos españois mellor colocados durante o inicio.

Aos poucos, o corredor pontevedrés foi mellorando posicións ata pelexar no último xiro por entrar entre os vinte mellores, pero finalmente tívose que conformar co posto 21.

O Campionato do Mundo botará o peche este domingo coas probas júnior e elite masculinas.