O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra viviu este luns unha emocionante xornada de balonmán cos últimos encontros da fase de grupos do Mundial Júnior que comparte con Vigo.
Na pista pontevedresa poñíanse en xogo os billetes para os oitavos de final da competición nos grupos C e D, que pasaban por ser os máis igualados do campionato.
Portugal, que vencera na véspera a Hungría, plantouse na xornada decisiva da fase inicial coa intención de discutirlle o primeiro posto do Grupo C á potente Croacia, invicta ata a data, e o certo é que plantou cara ao seu rival nun duelo competido e vistoso para o afeccionado.
Nun inicio de moito ritmo, o cadro luso entrou ben no partido, aínda que pronto Croacia conseguiu a iniciativa e comezou a dominar o marcador abrindo rendas que chegaron aos 4 goles (9-13). Con todo Portugal aguantaba o tirón e chegaba o descanso cun apertado 14-16.
Pese ao tirón dos balcánicos ao comezo do segundo acto (15-20), Portugal seguiu pelexando e manténdose preto no marcador, pero non conseguiu culminar a remontada ante o acerto ofensivo do seu rival, en especial dun inspirado Sarac (9 goles e MVP do choque). Desta forma Croacia avanza como primeira de grupo e Portugal como terceira.
A segunda praza foi para Brasil, que no encontro que pechaba a xornada en Pontevedra venceu a Hungría por 31 goles a 25, deixando aos húngaros na cuarta posición.
En canto ao Grupo D, no que reinaba a igualdade entre 4 escuadras, Dinamarca dependía de si mesma para asegurar o liderado e non deu opción á sorpresa vencendo a Chile con contundencia (48-24). Cumpriu así os prognósticos para non dar pé a Alemaña.
A selección xermana protagonizou un dos partidos máis esperados do día ante Islandia, equipo que estaba a deixar unha grata impresión no campionato, e ao que superou non sen esforzo por 26-17 dando un recital en labores defensivos (só 8 goles en contra ao descanso). Alemaña avanza así como segunda de grupo, mentres que Noruega pasa como terceira tras superar a Arxentina (31-21) e Islandia faino como cuarta.
Os demais equipos clasificados para oitavos de final, nos grupos que tiñan como sede Vigo, foron por esta orde Eslovenia, España, Tunes e Serbia no Grupo A e Exipto, Suecia, Francia e Korea no Grupo B.
Máis aló do acontecido no partido de España, a gran sorpresa do día en Vigo deuna Exipto, por mérito propio xa unha das revelacións do Mundial Júnior ao terminar primeira do Grupo B como invicta tras derrotar a Francia (37-32), á que deixou como terceira.