Croacia arrebata o liderado do grupo C a Brasil en Pontevedra na segunda xornada do mundial de balonmán

Pontevedra
19 de xullo 2019

A selección española dispútase esta tarde no pavillón vigués de  As  Travesas o liderado do grupo A contra Serbia, que do mesmo xeito que Eslovenia conta os seus partidos por vitorias

Segunda xornada mundial júnior balonmán. Cracia gaña a Brasil.
Segunda xornada mundial júnior balonmán. Cracia gaña a Brasil. /

A selección de Brasil foi incapaz de volver dar a badalada, como fixo no seu debut fronte a Portugal, e caeu ante Croacia por un axustado 29-33 na segunda xornada do grupo C do Mundial Júnior de Balonmán que se disputou onte no Pavillón Municipal de Pontevedra.

A Croacia, que se mantén invicta no campionato, custoulle entrar no partido. Os brasileiros saltaron moi inspirados á cancha e rápido tomaron vantaxe no marcador. Con todo, a reacción croata chegou a tempo para igualar o marcador aos 20 minutos de xogo e seguir co tira e afrouxa ata o ecuador da segunda parte, momento no que o equipo de Davor Dominiković abriu unha lixeira brecha que soubo xestionar ata o asubío final.

Os outros enfrontamentos do grupo C saldáronse cunha apertada vitoria de Portugal sobre Bahrein (27-29) e un cómodo triunfo de Hungría ante Kósovo (21-36). Disputadas dúas xornadas, Hungría empolícase ao alto da táboa clasificatoria empatada a vitorias con Croacia, pero con mellor balance de goles anotados e recibidos. As outras dúas prazas que dan acceso á seguinte fase ocúpana Brasil e Portugal, cunha vitoria cada unha, mentres que Bahrein e Kósovo aínda non saben o que é gañar neste mundial

Na xornada do xoves, na sede de Vigo, disputáronse os partidos do grupo A, o de España, que venceu con máis apuros dos previstos a Tunes (20-26) e segue como primeira clasificada. Os outros dous encontros pecháronse coa vitoria de Eslovenia sobre Xapón (22-29) e a de Serbia contra Estados Unidos (19-36).

A terceira xornada dos catro grupos, que se disputa este venres, servirá para marcar o futuro de España no campionato. Os de Isidoro Martínez enfróntanse en Vigo a Serbia, cos que están empatados a catro puntos, aínda que por diferenza de goles os anfitrións ocupan o primeiro posto. As outras dúas prazas que permiten superar a fase de grupos ocúpanas Eslovenia, tamén con dúas vitorias, e Xapón, que perdeu todos o seu partidos pero ten mellor balance que Tunes ou Estados Unidos.