Cristóbal Domínguez, do Pontevedra, ou Martín, do Arosa. Ambos os dous son defensas centrais e os dous están ou estiveron en negociacións co Villalonga para incorporarse ao equipo celeste antes do peche do mercado invernal, pero non serán os dous, se non o que antes acepte o ofrecemento do equipo que adestra Jacobo Molina o que se incorpore o plantel para apuntalar ao equipo na recta final da tempada.
Neste sentido, as opcións do central granate antóllanse remotas. PontevedraViva contactou co xogador, quen recoñeceu o interese do Villalonga, pola súa fichaxe, pero non parece inclinado a aceptar a oferta, máis despois de ter a oportunidade de xogar co primeiro equipo a pasada xornada: "Se fose hai quince días é posible que estivese máis inclinado a irme, porque me apetecía xogar en terceira, pero agora mesmo teño a oportunidade de facelo co Pontevedra, estou contento aquí, e despois de xogar contra o Alondras intentarei aproveitar a opción de seguir contando con minutos e partidos no primeiro equipo".
Así pois, ao Villalonga parece quedarlle como opción máis probable a de Martín. O central arosista debe solicitar a baixa ao seu club para poder dar o salto de categoría. Jacobo Molina confía en poder pechar a contratación ao longo do venres, aínda que con prudencia: "ÿ incrible, pero logramos as fichaxes de dous xogadores de moita calidade, como Jorge Fernández, do Rápido de Bouzas, e Uru, do Compostela, de forma rápida e sen problemas, e non obstante estanos a custar moito pechar un defensa central, para o que en principio parecía haber máis opcións".
Cabe dicir que a busca dun central que lle dese solidez á retagarda celeste xa sufriron un revés hai uns días cando os ollos dos responsables técnicos do Villalonga se pousaron sobre outro xogador do Pontevedra como Yago Vázquez, ao que o club granate pechou as portas a unha posible saída ao estimalo un xogador imprescindible, tanto para o primeiro equipo, co que actuou satisfactoriamente nas últimas xornadas, coma para o filial.
Deste modo, coa incorporación ao equipo de Uru e Jorge Rodríguez, en caso de pechar a contratación de Martín, que parece a máis alcanzable, o Villalonga pecharía o capítulo de incorporacións, coas que cubrir tamén a marcha de Roberto Feans e pendente da situación de Roberto Piñeiro, ao que algúns rumores situaban tamén preto de deixar o equipo.