Cristian Fernández pon fin a 26 anos defendendo o Club Natación Galaico.
"Sempre soñei con ser un One Club Man", recoñece o que primeiro foi deportista do club pontevedrés e os últimos anos adestrador de diferentes categorías de formación. Problemas coa adaptación de horarios para cuadrar os seus adestramentos como deportista de elite (é campión mundial de acuatlón) están detrás da saída do adestrador, ligado ao Galaico "desde que tiña 6 anos, no ano 98".
Xunto a el e nunha situación similar tamén abandona a entidade Ana Seoane, adestradora os últimos anos, culminando unha renovación na estrutura do club iniciada coa saída do entón director técnico Diego Pérez e a chegada ao cargo de Sergio Silva.
"É moi triste marchar así do club da túa vida", asegura Cristian Fernández xustificando que "me cambiaban unha cláusula no contrato para modificar horarios e sedes adestramento", ademais de pedirlle facer horas dous mañás por semana.
"Podo dicir de maneira orgullosa que vivín por partida dobre a época dourada do Club Natación Galaico. Oxalá algún día volvamos cruzar os nosos camiños, fixéstesme a persoa máis feliz do mundo", afirma o deportista e técnico que agora busca "novo traballo e club para competir" coa vista posta na súa participación en 2025 nos Mundiais Multideporte de Tríatlon que se celebrarán en Pontevedra.
O GALAICO DEIXA "AS PORTAS ABERTAS" Á SÚA VOLTA
"Sentimos enormemente a decisión. Cristian é unha persoa moi querida no club pero é un tema contractual", explicou a PontevedraViva o presidente do Club Natación Galaico, Alberto Castro.
"É un tema de horarios, a lámina de auga é moi limitada e necesitabamos repartila entre todos os adestradores", xustifica deixándolle "as portas abertas do club", asegura tras "tentarlle dar todas as facilidades" para adestrar e ir a competicións durante estes anos.
Castro defendeu ademais que "o equipo ten un proxecto moi bo a medio prazo" polo crecemento experimentado en volume de nenos desde a reapertura do Complexo Deportivo Rías do Sur.