Naceu como a primeira proba ciclista de montaña por etapas de Galicia e vai xa camiño da súa quinta edición.
A Costa Atlántica MTB Tour presentou este xoves a carreira que se celebrará os días 4, 5 e 6 de abril con Pontevedra como centro de operacións.
Será "máis nacional e internacional que nunca", explicou desde a organización Josevi Cimadevila, ante a alta participación de ciclistas chegados de Asturias, Madrid ou Portugal, entre outros puntos de orixe.
En total "este ano temos case 350 participantes, subimos case 150", destacou sobre o importante incremento de inscricións.
A competición arrincará o venres 4 de abril ás 20.00 horas coa xa tradicional e espectacular contrarreloxo nocturna polo centro histórico de Pontevedra, de apenas 3 quilómetros de percorrido.
Despois chegarán dúas xornadas maratón, a primeira o sábado 5 con preto de 80 quilómetros "para os máis rodadores".
En canto á terceira e última xornada, o domingo, contará con 65 quilómetros "de puro MTB". Ambos os dous días con saída e chegada desde o centro da Boa Vila.
A presentación do evento deportivo levouse a cabo no Concello de Pontevedra coa presenza da concelleira de Deportes, Anabel Gulías; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez; o responsable territorial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides; e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz.