O Coruxo-Pontevedra atrásase ao domingo 10 de novembro

Pontevedra
30 de outubro 2024
Actualizado: 17:41

Debido ao cambio de data do partido de Copa contra o Levante, o Pontevedra contaba con menos de 48 horas de descanso para afrontar a xornada de liga fronte ao Coruxo, previsto para o sábado 9

Partido de Copa Federación entre Coruxo e Pontevedra
Partido de Copa Federación entre Coruxo e Pontevedra / Pontevedra Club de Fútbol SAD

O adiamento do partido de Copa do Rei entre Pontevedra Club de Fútbol e o Levante, por mor da DANA que provocou graves incidencias na Comunidade Valenciana, tamén terá incidencia no calendario dos granates en liga.

A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) estableceu como nova data do choque copeiro de primeira rolda copeira o vindeiro xoves 7 de novembro (20.00 horas), o que deixaba moi pouco descanso ao Pontevedra de cara ao seu seguinte partido de liga.

En concreto eran menos de 48 as horas de recuperación, xa que o choque no campo do Coruxo estaba previsto para o sábado 9 de novembro ás 17.00 horas.

Ante esta circunstancia o Pontevedra vía con bos ollos atrasar o partido de liga no Vao, e así o entendeu tamén o equipo vigués.

"A grave situación na Comunidade Valenciana e ante o partido de Copa do Rei entre Pontevedra e Levante que non se poderá disputar no día previsto, o Coruxo en contacto coa RFEF decidiu cambiar o partido de liga Coruxo-Pontevedra para o domingo 10 ás 19.00 horas", confirmou a entidade olívica.

Desta forma o equipo adestrado por Yago Iglesias terá un pouco máis de marxe de manobra para afrontar tres compromisos oficiais en apenas sete días.

Primeiro recibirán o domingo 3 de novembro o Real Avilés en Pasarón en partido de liga, xogarán contra o Levante o xoves 7 e acabarán o seu particular maratón o domingo 10 contra o Coruxo.

Farano polo menos sen apenas ter que completar quilómetros e só cun pequeno desprazamento a Vigo compensando lixeiramente a carga de minutos ao persoal granate.