Coruxo e Pontevedra reparten puntos, ocasións e dominio (0-0); os granates terminan de novo con dez

Pontevedra
12 de xaneiro 2020

Rompeu o Pontevedra a súa serie de derrotas e fíxoo empatando no Vao ante o Coruxo, nun partido con dous tempos moi diferentes. Dominio absoluto dos locais na primeira parte e superioridade granate tras o descanso, cun balón ao poste para cada equipo e expulsión de Álex González a falta de 14 minutos, o que privou aos de Carlos Pouso de seguir buscando a vitoria, optando por non arriscar para asegurar o empate

Partido entre Coruxo e Pontevedra no Vao
Partido entre Coruxo e Pontevedra no Vao / Diego Torrado
Declaracións de Carlos Pouso tras empatar co Coruxo /

Rompeu o Pontevedra a súa serie de derrotas e fíxoo empatando no Vao ante o Coruxo, nun partido con dous tempos moi diferentes. Dominio absoluto dos locais na primeira parte e superioridade granate tras o descanso, cun balón ao poste para cada equipo e expulsión de Álex González a falta de 14 minutos, o que privou aos de Carlos Pouso de seguir buscando a vitoria, optando por non arriscar para asegurar o empate.

Enfrontábanse dous equipos en traxectorias opostas. Un Coruxo crecido e confiado, especialmente no seu campo, e un Pontevedra en horas baixas, con preocupantes síntomas e encadeando resultados negativos.

Clara superioridade do Coruxo na primeira parte, fronte a un Pontevedra incapaz de disparar a porta nin unha soa vez, nin crear o máis mínimo perigo na área viguesa. Se os primeiros minutos foron de tenteo, pronto se viu que os de Míchel Alonso estaban varios pasos por diante, tanto en xogo, como especialmente en intensidade, ante un equipo granate despistado e incapaz de conectar, as poucas veces que tiña o balón, cos homes de arriba.

Lastrado, ademais, pola "xenerosidade" arbitral á hora de repartir tarxetas nunha soa dirección, aos 6 minutos  Mejía e Romay estaban apercibidos, e ao fío da media hora uníanselles Álex Fernández e Nacho López, o que condicionaba claramente as accións en zonas de especial compromiso, como é a dos dous mediocentros do cadro de Pouso.

Claro que non se podía botar toda a culpa ao árbitro, senón á superior velocidade de xogo dos locais, que non conseguían frear os visitantes. Mentres o Coruxo alternaba o toque en curto con desprazamentos directos buscando as costas dos centrais sobre un activo Silva, o Pontevedra carecía de recursos e os seus envíos sobre Adiguibe acababan sempre coa anticipación dos defensores verdes.

Por se iso fose pouco, os segundos balóns eran sempre para o Coruxo, dando segundas e terceiras oportunidades que, afortunadamente para os granates, non foron aproveitadas polos atacantes vigueses.

Das ocasións xeradas polo equipo local, deixando á marxe disparos afastados desviados, houbo tres acciones que puideron terminar en gol. A primeira con polémica incluída, cando aos 8 minutos de partido Álex Fernández derrubaba a Mateo dentro da área. Pareceu penalti, pero posiblemente o afán do dianteiro de adornar a caída levou ao erro ao colexiado.

Máis clara aínda foi a segunda, aos 21 minutos, cando Silva foise de Jaouad, habilitándose o espazo para rematar, aínda que o fixo frouxo e Víctor Vázquez rozou o suficiente para que o balón, con Edu sen opcións, fose estrelarse á cepa do poste.

E a última, xusto antes de finalizar a primeira parte, nun disparo de Añón que rexeitou con apuros Edu.

O único bo deses primeiros 45 minutos para o Pontevedra fora o resultado, que lle permitía manter esperanzas de que todo cambiase tras o paso por vestiarios.

E cambiou, vaia se cambiou. Polo menos ata o momento en que o colexiado deixou aos granates en inferioridade expulsando a Álex González. Pouso moveu pezas, ou máis que pezas sistema e forma de xogo, devolvendo a un equipo que pasou de dominado a dominador, iniciando a construción de xogo desde atrás, facéndose dono do balón, conseguindo que o Coruxo fose agora o que perseguía sombras.

Ben é verdade que as mellores opcións para os granates chegarían a balón parado, nos que puideron inclinar a balanza ao seu favor, pero o máis importante é que o conxunto visitante deixou de sufrir e Edu non tivo que intervir.

Romay, de cabeza, remataba un corner que saíu moi cerca do poste e o mesmo Romay, tamén de cabeza, remataba unha falta lateral lanzada por Álex Fernández, para mandar o balón ao poste para alivió dun Alberto impotente para intervir.

Míchel Alonso empezou a ver as cousas mal para os seus e tentou equilibrar forzas na zona ancha, aínda á conta de sacrificar a un dianteiro, Silva, para dar entrada a Jacobo Trigo. Pero nin con esas. O Pontevedra xa lle collera o pulso ao partido, o que sumado a que o Coruxo empezaba a acusar o desgaste do elevado ritmo do primeiro tempo facía que os granates se mostrasen agora superiores.

Pero cando o partido encaraba a súa recta final, cos granates buscando o gol que lles dese a vitoria e o Coruxo achicando auga como podía, unha acción temeraria de Álex González, lanzándose cos tacos por diante a cortar unha saída dun contrario, custoulle a tarxeta vermella directa ao impactar na perna do rival. Quedaban 14 minutos máis o desconto, que pasaron nun intento exitoso de resistencia granate, con Pouso apontoando a defensa ao mando dun Víctor Vázquez maxestoso unha vez máis, e un Coruxo que quixo estirarse pero sen inspiración para crear perigo.

CORUXO FC (0): Alberto; Antón de Vicente, Crespo, Lucas, Manu (Kevin Mendoza, minuto 85); Borja Yebra, Barril (Aitor Aspas, minuto 72), El Ouatane; Añón, Mateo e Silva (Jacobo Trigo, minuto 60).

PONTEVEDRA CF (0): Edu; Nacho López, Víctor Vázquez, Jaouad, Álex González; Mejía, Álex Fernández; Pedro Vázquez (Javi Pazos, minuto 70), Romay, Álvaro Bustos (Campillo, minuto 65); e Adiguibe (Naveira, minuto 82).

Árbitro: Pablo Fernández Pérez (Asturias), auxiliado nas bandas por Pelayo Corgo Suárez e Juan Rodríguez Suárez. Expulsou con vermella directa ao xogador do Pontevedra, Álex González (minuto 76). Amoestou a David Añón e Antón de Vicente, no Coruxo, e a Mejía, Romay, Álex Fernández, Nacho López e Álex González, no Pontevedra.

Incidencias: Campo do Vao (Coruxo-Vigo). Uns 1.000 espectadores, con nutrida presenza de seguidores granates.