A tempada 2023/2024 vai camiño de converterse nunha campaña para lembrar tanto a nivel deportivo como económico no Pontevedra Club de Fútbol.
Sen desviar o foco do obxectivo principal que debe ser o ascenso a final de curso a Primeira RFEF, o club granate é o primeiro equipo de cuarta categoría na historia do fútbol nacional que chega até os 1/8 de final da Copa do Rei.
Unha xesta que segue na fala da xente e cunha cidade ilusionada na próxima eliminatoria, de novo ante un Primeira División, pero que ademais garante xa unha inxección económica que augura un superávit histórico nas contas da entidade.
A cifra oficial tardará case un ano en coñecerse, pois adoita desvelarse na xunta ordinaria de accionistas e a que corresponde ás contas da tempada en curso non se celebrará previsiblemente até finais de 2025, pero é posible xa facer unha estimación aproximada do 'extra' que está a supor a Copa para o Pontevedra.
Por unha banda están os ingresos fixos que ortorga a competición por cada rolda superada. Neste sentido só por participar no torneo a liña de axudas da Real Federación Española de Fútbol para os clubs de Segunda RFEF establece unha cantidade de 32.500 euros a cada un dos participantes, outorgando un máximo de 32.500 euros máis fixos de compensación por cada rolda superada.
Por este conceto a compensación roldaría xa os 130.000 euros.
A iso súmaselle o recadado en despacho de billetes, con tres encontros en Pasarón ante equipos do fútbol profesional e dous deles con importantes datos de asistencia.
Así, contra o Levante rexistráronse 3.837 espectadores, cifra que se disparou até os 8.192 o día do Villarreal e aínda máis contra o Mallorca para rozar o cheo con 10.292 espectadores.
Tendo en conta o prezo das entradas para estes dous partidos (de 25 a 45 euros para o público adulto e 20 e 35 euros para os menores de 16 anos), e establecendo para unha estimación unha media por boleto de 30 euros, os números son máis que rechamantes. Lembrando que son soamente aproximacións cunha multiplicación na que non entran os preto de 3.000 socios granates, o despacho de billetes contra o Mallorca roldaría os 210.000 euros (alrededeor de 7.000 entradas vendidas x 30 euros cada unha).
Contra o Villarreal é certo que existía unha promoción para que os socios sacasen até dúas entradas para acompañantes cun desconto, pero aínda así cunha asistencia de 8.192 espectadores (aproximadamente 5.000 entradas por eses mesmo 30 euros) a cifra recadada que sairía serán de 150.000 euros.
Só con estes datos de Mallorca e Villarreal máis o fixo pola propia competición os ingresos totais do Pontevedra na Copa do Rei serían duns 490.000 euros, polo que se podería dicir que sumando o duelo de primeira rolda co Levante superouse o medio millón de euros. Claro que de aquí habería que descontar os custos propios da competición ou as primas establecidas ao plantel.
Con todo nun club cun orzamento anual que rolda os dous millóns de euros, a noticia a nivel económica é a mellor en moito tempo para as arcas da entidade. E aínda queda, como mínimo, un novo partido en Pasarón fronte a outro rival da máxima categoría, polo que o premio será aínda maior.