A Copa Galicia Internacional de ximnasia trampolín regresa a Marín con Pablo Hinojar no recordo

Marín
20 de marzo 2025
Actualizado: 17:09

O evento deportivo reunirá durante a fin de semana no pavillón da Raña preto de 300 deportistas

Presentación da XV Copa Galicia Internacional de Ximnasia na Raña
Presentación da XV Copa Galicia Internacional de Ximnasia na Raña / Concello de Marín

É unha proba xa consolidada no calendario deportivo de Marín, e este ano tampouco podía fallar á súa cita.

O pavillón da Raña será escenario durante a fin de semana, os días 21, 22 e 23 de marzo, da XV Copa Galicia Internacional de ximnasia trampolín.

Farao convertida este ano no I Memorial Pablo Hinojar, para homenaxear o adestrador pontevedrés e ao legado do que era seleccionador nacional desta especialidade deportiva.

"Era un campionato no que el traballaba moito para que saíse adiante e queremos que sexa un recoñecemento a todo ese traballo", explicou na presentación do evento Belén Ferreira, secretaria da Federación Galega de Ximnasia.

E é que se trata de "unha figura esencial para poñer a ximnasia no punto tan alto no que está", defendeu pola súa banda a alcaldesa de Marín, María Ramallo.

Será ademais unha edición de récord, ao esperarse ao redor de 300 deportistas participantes.

Todo arrincará ás 16.00 horas do venres na Raña.

O sábado pola súa banda as primeiras probas disputaranse a partir das 9.30 horas pola mañá e das 15.30 horas pola tarde, mentres que o domingo a actividade se limintará á xornada de mañá a partir das 9.00 horas.