As lesións golpearon duro esta tempada ao Pontevedra Club de Fútbol.
Primeiro foi Víctor Vázquez 'Churre', despois Jesús Cambil e a última xornada Pelayo Suárez. Tres casos de rotura do ligamento cruzado do xeonllo que deixaron pegada no vestiario granate.
Tanto é así que o plantel se conxurou para dedicarlles o ansiado ascenso. Así o recoñeceu este mércores en rolda de prensa Igor Irazu, afirmando que a recentemente confirmada lesión de Pelayo "foi un chasco moi grande".
"Eles o que queren é que todos xuntos saquemos este obxectivo, e si, hai que dar ese paso e por eles hai que sacar isto adiante", afirmou o central.
"Temos ganas de dedicarllo, porque os ves no día a día connosco, aí apartados, e debe ser moi duro", explicou.
Para iso será importante conseguir ante o Llanera un triunfo que manteña a distancia na táboa o Numancia, claro que o conxunto asturiano a pesar de estar a pelexar pola permanencia pasa por ser o mellor equipo en números do que vai de segunda volta.
"Xa na ida no seu campo empatamos. Foi un campo moi complicado e son moi duros nas disputas físicas. Van ir fortes así que imos ter que pelexar", avisa Igor.
Cada vez máis consolidado no once e con maior protagonismo no equipo, o defensor asegura a nivel individual que "aínda hai marxe de mellora" no seu xogo. Por iso, afirma, aínda que "ao principio me custou" agora mesmo "síntome moi ben e con ganas de mostrar máis".