A Secretaría Xeral para o Deporte reaccionou ante o grave incidente acontecido este domingo no pavillón de Vilalonga, convocando unha xuntanza extraordinaria da Comisión Galega de Control da Violencia.
A décimo quinta xuntanza da Comisión terá lugar mañá martes, 17 de decembro, ás 10:30 horas, cunha orde do día centrada exclusivamente nos feitos acontecidos durante o partido de categoría cadete feminina entre o Sanxenxo Balonmán e o Rasoeiro BM.
Nese partido un espectador na bancada agrediu o avó do árbitro, causándolle graves lesións.
O secretario xeral para o Deporte e presidente da Comisión, José Ramón Lete Lasa, manifestou a condena "profunda" do Goberno galego ante este suceso e subliñou a necesidade de "mandar unha mensaxe clara de tolerancia cero fronte a calquera conduta violenta no deporte".
Lete Lasa fixo fincapé na "responsabilidade na salvagarda dos valores esenciais no deporte" que, segundo a Lei 3/2012 do Deporte de Galicia, compete tanto aos clubs e federacións como ás entidades organizadoras de competicións e espectáculos deportivos.
A Xunta de Galicia, a través da Comisión Galega de Control da Violencia, comprométese a "traballar día a día para que ningún suceso violento quede impune".
Ademais, a administración galega transmite os seus desexos dunha pronta recuperación ao afeccionado ferido e lamenta que está acción se teña producido no ámbito do deporte base.