Continuidade no bloque e dúbidas por resolver para o proxecto do Pontevedra na Primeira RFEF

Pontevedra
17 de maio 2022

Futbolistas importantes no Pontevedra como Charles, Rufo, Churre, Seoane, Brais Abelenda, Rubio, Miguel Román ou o gardameta Pablo Cacharrón, entre outros, contan con contrato en vigor para a próxima campaña, aínda que o primeiro será clarificar a situación do técnico Ángel Rodríguez

Adestramento do Pontevedra CF a portas abertas en Pasarón antes do partido fronte ao Salamanca
Adestramento do Pontevedra CF a portas abertas en Pasarón antes do partido fronte ao Salamanca / Cristina Saiz

Tempo de tomar decisións no Pontevedra Club de Fútbol, unha vez certificado o ascenso de categoría co seu salto á Primeira RFEF.

Conseguido o obxectivo para mediados do mes de maio, o club granate conta agora con marxe de manobra para poñerse a planificar a próxima tempada, unha campaña na que o bloque que conseguiu o campionato na Segunda RFEF terá unha importante representación, e é que boa parte do plantel conta con contrato en vigor.

En todo caso tras as celebracións previstas para esta semana, o primeiro paso a dar será clarificar a situación do técnico, Ángel Rodríguez, asunto a discutir entre o Consello de Administración e un director deportivo, Toni Otero, cuxa vinculación co club non expira co final da tempada. De feito na súa presentación hai case un ano a presidenta Lupe Murillo afirmaba que "dirixirá a estratexia deportiva das próximas tempadas", sen establecer un horizonte temporal no seu contrato ao tratarse de "unha cuestión de confianza mutua", explicou entón Otero.

Coa continuidade do preparador no aire, a próxima semana antóllase como un momento importante para establecer a liña de traballo e os plans de actuación en materia de reforzos, aínda que no que respecta a o plantel a maioría de homes importantes teñen polo menos un ano máis de contrato ao comprometerse o verán pasado por dúas campañas, ao que se suman algúns compañeiros que asinaron no seu momento por un ano máis outro opcional e que cumpriron obxectivos. É o caso por exemplo de Diego Seoane, cuxo contrato se prolongou. Tamén Samu Araújo e Javi Rey contaban cunha cláusula similar e existe opción de seguir contando con Alberto Rubio.

Os que si teñen estipulado para todos os efectos outra campaña son os dous gardametas, Pablo Cacharrón e Álvaro Cortés, os defensores  Churre, David Soto, Samu Santos e Pacheco; o centrocampistas Miguel Román; e os atacantes Charles, Brais Abelenda, Martín Diz e Rufo, este último cun contrato que expira en 2024 tras a súa última ampliación.

No bando contrario, entre os que terminan a súa relación laboral, atópase o capitán Álex González xunto a Yelko Pino, Romay e Oier Calvillo. Tamén dous canteiráns como Santi Figueroa e Pablo López que alcanzan a idade sénior e sobre os que a dirección deportiva deberá tomar unha decisión xunto ao mozos do filial que chegaron a participar no primeiro equipo, Iñaki e Jaichenko.

Esta situación non implica en todo caso a saída do club dos citados, dado o rendemento dalgún deles co exemplo de Álex ou de Yelko, pero será necesario sentar a negociar con eles, como tampouco é garantía absoluta de continuidade o contar con contrato.

Trátase, iso si, dun bo punto de partida para o novo proxecto granate, sobre o que poder construír un equipo que poida competir con garantías na Primeira RFEF e ao que tamén chegarán con total seguridade reforzos.