Continuidade na campaña de abonados do Cisne para a súa terceira tempada en Prata

Pontevedra
21 de agosto 2017

O club pontevedrés mantén os prezos, salvo unha mínima subida na categoría xuvenil, coa intención de "recuperar a gente que ha colaborado con nosotros en su momento", explicou o seu presidente, Santiago Picallo

Presentación da campaña de abonados do Cisne 17/18
Presentación da campaña de abonados do Cisne 17/18 / PontevedraViva

"Ti es o xogador que nos falta", reza o lema da nova campaña de abonados do Club Cisne Balonmán para a súa terceira tempada consecutiva na División de Honra Prata.

O club pontevedrés quere consolidar a súa masa social por encima do medio milleiro de socios (520 o pasado curso polos apenas 200 que tiña o ano do ascenso) e se é posible seguir crecendo tentando "recuperar a gente que ha colaborado con nosotros en su momento", explicou o seu presidente, Santiago Picallo.

En canto aos prezos, mantéñense sen apenas cambios. Só na categoría xuvenil experiméntase unha lixeira subida de 5 euros.

Desta forma o prezo dos carnés do Cisne é o seguinte:

CATEGORÍAPREZO
Senior60 euros
Familiar50 euros
Xubilados40 euros
Universitarios30 euros
Xuvenís15 euros
Simpatizantes10 euros

 

Os abonos darán dereito a todos os partidos de liga e tamén ao primeiro partido da Copa do Rei que o equipo xogue como local, mentres con que co carné de simpatizante poderase acceder a dous encontros ao longo da competición ligueira. Para máis información www.clubcisne.es.