Continúa a crise do Teucro tras caer no Municipal contra o Esplugues (22-29)

Pontevedra
02 de abril 2022

A caída da Sociedad Deportiva Teucro parece non ter final. O cadro pontevedrés continúa inmerso nunha crise tanto de xogo como mental despois de sumar unha nova derrota que complica as aspiracións de permanencia en División de Honra Prata (22-29)

Partido entre Teucro e Esplugues no Pavillón Municipal
Partido entre Teucro e Esplugues no Pavillón Municipal / Cristina Saiz

A caída da Sociedad Deportiva Teucro parece non ter final. O cadro pontevedrés continúa inmerso nunha crise tanto de xogo como mental despois de sumar unha nova derrota que complica as aspiracións de permanencia en División de Honra Prata (22-29).

Comezou o partido con plena igualdade, todo o que transformaba o Teucro respondíao da mesma forma o Esplugues e viceversa. De feito, non foi ata o ecuador do primeiro acto cando chegou a maior diferenza do encontro e foi a favor dos visitantes, que aproveitaron a falta de precisión en ataque dos pontevedreses para colocarse cun colchón de catro tantos (6-10).

Non gustaba o que vía sobre a cancha a Irene Vilaboa, que tivo que parar o cronómetro coa intención de recuperar as boas sensacións que viviu o seu equipo ao comezo do partido. Pero o Teucro non foi capaz de reducir distancias, todos e cada un dos seus lanzamentos estrelábanse contra o gardameta do Esplugues, que non estaba polo labor de permitir máis aló e impediu unha posible remontada cunha actuación intratable (min. 24, 8-12).

Por sorte para os pontevedreses, unha exclusión de Marc Romero deulle ás para acelerar os últimos instantes da primeira metade para chegar ao descanso a tan só un gol do empate (12-13).

A segunda parte continuou coa mesma tónica que a primeira. Fallou o Teucro nada máis saltar á cancha e anotou o Esplugues o gol que lle daba unha nova renda de dous goles que se mantivo ata alcanzado o minuto 12, cando xa foi de tres.

Tentou o conxunto pontevedrés regresar ao seu bo facer para superar non só ao seu rival, senón aos nervios e a frustración que se apoderaba deles a medida que pasaban os minutos aínda que non lle impedían colocarse a un gol cando se chegou ao ecuador do segundo acto (18-19).

Pero chegou o bajón incomprensible do Teucro cando máis necesaria era a reacción e viron como se volvía a torcer o partido de mala maneira. Non había tempo para o erro pero non pararon de sucederse diante da portería un Esplugues que tiña un muro baixo paus e acertaba sen dubidar diante de Joshua Rau (min. 21,18-22).

Puideron, iso si, os azuis reducir distancias despois dun tempo morto de Irene Vilaboa, pero o Esplugues seguiu sensacional en defensa nos últimos minutos para ademais ampliar a súa vantaxe en ata sete goles e deixar tocado e afundido a un Teucro que non atopa a forma de saír do pozo (22-29).

Consulta as estatísticas do Teucro- Esplugues