Continúa a bo ritmo a venda de entradas para o partido ante o Mensajero

Pontevedra
27 de maio 2015

Dende o Pontevedra calculan que se están a despachar "unas 1.000 entradas al día" entre suplementos para socios e entradas de público. No plano deportivo confírmase a lesión de Bruno, que di adeus á tempada

Venda anticipada de entradas para o Pontevedra-Mensajero
Venda anticipada de entradas para o Pontevedra-Mensajero / Daniel Santomé

O resultado adverso da ida na Palma non desanimou aos afeccionados do Pontevedra Club de Fútbol, que están a responder positivamente nos primeiros días de venda anticipada de entradas para o choque do próximo domingo (18:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón ante o Mensajero.

Dende a presentación dos prezos o pasado luns, o goteo de seguidores polas oficinas de Pasarón foi constante, a ritmo de "unas 1.000 entradas al día", segundo sinalan dende o club, entre suplementos de socios e entradas para público en xeral.

Esta situación, tendo en conta os días que aínda restan para o choque e que un bo número de seguidores esperará ao mesmo domingo, fan que a sensación sexa de que se producirá unha grande entrada en Pasarón.

As oficinas do estadio manteranse abertas ata o sábado de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00, mentres o domingo os despachos abrirán de 11:00 a 14:00 e a partir das 15:30 horas.

CONFÍRMASE A LESIÓN DE BRUNO

Bruno di oficialmente adeus á tempada, despois de que a ecografía á que foi sometido este mércores confirmase o diagnóstico inicial, con respecto á lesión muscular que se produciu na Palma.

O defensa granate sofre unha rotura fibrilar no recto anterior do cuádriceps que o manterá afastado dos terreos de xogo durante un mes, polo que se une a Benja na lista de baixas coas que contará Luisito para confeccionar a convocatoria. O resto de futbolistas do primeiro plantel encóntranse en perfecto estado e a disposición do técnico.