Conta atrás para o XXIX Medio Maratón, unha das carreiras "máis fermosas de Galicia"

Pontevedra
17 de outubro 2024

A popular proba deportiva celebrarase o vindeiro domingo 20 de outubro incrementando "un 35%" a participación con respecto ao pasado ano, con algo máis de 1.700 deportistas inscritos

Presentación do XXIX Medio Maratón de Pontevedra
Presentación do XXIX Medio Maratón de Pontevedra / Mónica Patxot

O Medio Maratón de Pontevedra prepárase para vivir a súa XXIX edición (XLII Gran Fondo), consolidada como "unha proba emblemática", defendeu este xoves na súa presentación a edil de Deportes, Anabel Gulías.

A popular proba deportiva celebrarase o vindeiro domingo 20 de outubro e acelera xa a súa conta atrás.

"É unha carreira preciosa, na que se respira un ambiente espectacular", asegurou o vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Eladio Gómez, para quen o medio maratón pontevedrés é, como carreira atlética, "unha das máis fermosas de Galicia".

Lembrou ademais que en 2020, tras a pandemia, foi o primeiro evento deportivo en celebrarse na comunidade converténdose nun exemplo a seguir.

Nesta ocasión "subimos un 35% a participación", recoñeceu pola súa banda o director da proba, Víctor Riobó, acompañado entre outros pola presidenta da Sociedad Gimnástica, Charo Castro, como club organizador.

Serán algo máis de 1.700 os atletas que participarán no evento, empezando ás 10.15 horas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva coas carreiras de base, seguindo ás 10.30 horas coa proba de 10 quilómetros (500 deportistas) e ás 11.00 co medio maratón de 21,1 quilómetros (1.041 atletas).

Todo nun circuíto xa consolidiado e homologado, tanto na súa versión curta como longa, que partirá desde a ponte dos Tirantes e que atravesará as rúas do centro da cidade.

"É un circuíto moi bonito e cando o tempo respecta hai moito público, que é de agradecer", destacou Riobó mirando o ceo ante unhas previsións meteorolóxicas que apuntan a unha xornada pasada por auga.

Ademais, como é habitual, o venres 18 ás 20.30 horas levará a cabo unha quedada previa de recoñecemento para os participantes, de acceso libre e contando coa asistencia da Policía Local. O punto de partida da sesión de adestramento será a entrada principal do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.