Conta atrás para o inicio de liga dun Pontevedra que está "con ganas, ilusión e desexando que empece xa isto"

Pontevedra
30 de agosto 2024

A dous días de que arrinque a temporada, o técnico do Pontevedra, Yago Iglesias, recoñeceu estar "moi contento" con como se adaptaron os seus xogadores á dinámica do equipo. "Sabiamos o que asinabamos. Este ano temos claro o perfil de xogo para mellorar o da tempada pasada. Estamos a velos ben, non asinamos ningún 'megacrack' que chame a atención, pero si bos futbolistas. Son xogadores novos con enerxía e estamos contentos coa súa adaptación", asegurou  

Yago Iglesias, no primeiro adestramento do Pontevedra CF 24/25
Yago Iglesias, no primeiro adestramento do Pontevedra CF 24/25 / Mónica Patxot

"Con ganas, ilusión e desexando que empece xa isto". Así arrincou a rolda de prensa do adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Yago Iglesias, a só dous días de que a nova tempada dea o pistoletazo de saída.

Será no Estadio Municipal de Pasarón ás 19:00 horas contra o Real Valladolid Promesas, un "filial dun equipo profesional que desde hai dous anos tira moito da canteira". Moitos dos seus xogadores son do equipo xuvenil e levan moito tempo xogando xuntos, pero Iglesias cre que ao xogar nunha categoría doutro nivel "terán que adaptarse ao ritmo e aos campos". En todo caso, "esperamos ver un equipo rodado", asegurou.

En canto aos granates, a pretemporada serviulles para traballar "con calma e tranquilamente, pero queremos a competición. O equipo cambia por completo, cóllese ritmo a partir desta fin de semana. Iniciar as tempadas sempre é complicado, todos os equipos parten sen ritmo de competición real", aínda que a parte positiva do Pontevedra é "a continuidade do proxecto e dos xogadores. Pónnolo fácil para comezar con bo pé", indicou Iglesias.

O adestrador ademais recoñeceu estar "moi contento" con como se adaptaron os seus xogadores á dinámica do equipo. "Sabiamos o que asinabamos. Este ano temos claro o perfil de xogo para mellorar o da tempada pasada. Estamos a velos ben, non asinamos ningún 'megacrack' que chame a atención, pero si bos futbolistas. Son xogadores novos con enerxía e estamos contentos coa súa adaptación", asegurou.

Neste sentido, á pregunta de se ten pensado un once inicial para o domingo, o técnico granate non o ten do todo claro. "Temos que recoñecer máis aos xogadores. Os do ano pasado sabemos o que nos dan e os novos tamén a nivel individual. A maneira de traballo do equipo é distinta, temos que atopar as posicións e asociacións dos xogadores. Unha cousa é o estado de forma de xogador, que polo momento é parello para todos", indicou.

O que ten claro, iso si, é como xogarlle ao Valladolid tanto en fase ofensiva como defensiva "para que non estea cómodo. Hai que axustar un par de cousas a nivel nomee, pero non de perfil".

MERCADO DE FICHAXES

"Ata o último día sempre hai opción de algo", recoñeceu Yago Iglesias. Gustaríalle incorporar algún xogador para "ter os postos dobrados", por iso "estanse valorando cousas. Fóra de mercado poderíase fichar algún xogador en paro e temos esa calma", sinalou.