Dúas xornadas de moita actividade pero que deixaron un balance satisfactorio.
Así pecha a quinta edición do Galicia Sportech Congress na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra, un evento que pasa por ser xa tras só cinco anos o congreso de tecnoloxía e innovación no deporte máis importante do noroeste peninsular.
Nesta ocasión foron máis de 500 os asistentes presenciais e 3.000 os rexistros online.
"Estamos ante unha quinta edición que era un reto fai 5 anos. Era un reto celebralo da forma que o celebramos e creo que o balance é moi bo", destacou Lalo García Torres, CEO de HubIN e cofundador de Galicia Sportech.
Esta edición arrincou coa presentación da aceleradora do deporte de Galicia, a Business Factory Sport (BF Sport), impulsada polo Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, HubIn e Diesemm, co apoio institucional do IGAPE.

"Cada vez máis empresas e institucións están implicadas no desenvolvemento da industria do deporte en Galicia, cada vez máis corporacións tamén están ao impulsar", afirma Lalo García.
Na última xornada do congreso 70 relatores e 40 startups pasaron polo Campus da Xunqueira, con relatorios e mesas redondas sobre innovación no ámbito da competición ou a analítica dos patrocinios en tempo real.
Ademais celebráronse tres clínics de surf, golf e deportes de raqueta coa participación entre outros do presidente da Federación Galega de Pádel, Manuel Fernández Prado.