Consegue empatar o Pontevedra B en Ourense (1-1) malia xogar 80 minutos en inferioridade

Pontevedra
08 de decembro 2013

A actuación arbitral condicionou decisivamente o desenvolvemento do partido, expulsando o xogador granate, Paco, aos 13 minutos de partido, nunha acción intrascedente, e deixando sen sanción un claro penalti cometido polos ourensanos nun derrubamento a Kevin Levis, na segunda metade

Arrancou o Pontevedra B un valioso empate na súa visita a Ourense, a pesar de ter que xogar 80 minutos en inferioridade como consecuencia da expulsión de Paco, aos 13 minutos de partido, nun forcexo intranscendente cun contrario, tras un partido condicionado pola deficiente actuación arbitral que prexudicou claramente ao filial granate.

Pero é que ademais da expulsión, o árbitro ignorou un claro penalti, por derrubamento a Kevin Levis, no minuto 60, que puido significar a vitoria que por xogo e ocasións mereceu o equipo visitante.

Ademais desas dúas xogadas claves os pontevedreses realizaron un bo partido e non deixaron de buscar a meta contraria, fronte a un rival que demostrou igualmente as condicións que o levaron a ocupar os postos altos da táboa clasificatoria, o que trouxo consigo que ambos os dous equipos ofrecesen un partido emocionante e con ocasións de perigo en ambas as dúas áreas.

Os goles chegarían no primeiro período. Kevin Levis adiantaba aos granates, aos 31 minutos, pero só catro máis tarde Choco empataba para os ourensanos.

Na segunda viría ese penalti non sinalado sobre Kevin Levis, e un desconto incomprensible, sinalado como de tres minutos, pero que rematou chegando aos seis, entre as protestas dos visitantes, que abandonaron o campo de Velle moi enfadados coa actuación arbitral.

C.D. OURENSE B (1): Miguel; Yago (Pana, min. 68), Álex, Lamelas (Omar, min. 64), Corzo, Gabriel, Karim (Esteban, min. 46), Presas, Choco (Viti, min. 85), Dani e Carlos.

PONTEVEDRA B (1): Adrián; Uru, Alves, Marou, Kevin Presa (Víctor, min. 58), Emilio, Ismael (Cuesta, min. 79), Héctor, Kevin Levis (Félix, min. 90), Paco e Diego (Collazo, min. 46).

Árbitro: Folgueira Ríos (Lugo), auxiliado nas bandas por Coya Gómez e López Fernández. Expulsou con vermello directo o xogador do Pontevedra B, Paco, no minuto 13. Amoestou a Corzo, Gabriel e Choco, polos locais, e a Marou e Kevin Levis, polo cadro pontevedrés.

Goles: (0-1) Minuto 31: Kevin Levis. (1-1) Minuto 35: Choco.

Incidencias: Campo Monte dá Aira (Velle). Uns 100 espectadores.