La Vuelta Ciclista a España regresará a Pontevedra na súa edición de 2014. Será o cuarto ano consecutivo en que a competición pasará pola provincia e farao cun "amplo recorrido", pero as etapas e trazados en concreto polos que pasará aínda están sen confirmar.
O presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán, confirmou este venres a noticia que se avanzara meses atrás, que "no ano 2014 imos ter este evento tamén na provincia" e sinalou que "nos próximos días iremos avanzando aspectos" máis concretos.
La Vuelta 2014 presentaranse o próximo 11 de xaneiro en Cádiz, pero antes xa se coñecerán detalles do seu paso por Pontevedra. Louzán avanzou que o percorrido pontevedrés darase a coñecer "antes de que remate o ano", con case toda seguridade ao longo da próxima semana.
Á espera de que Unipublic, a empresa organizadora de La Vuelta, confirme por onde pasará, o presidente provincial xa adiantou que a representación pontevedresa será, polo menos, tan importante como a deste 2013. "Espero que de novo máis da metade dos municipios da provincia teñan esa caravana multicolor", indicou.