Conclúe en primeira rolda o soño de Jéssica Bouzas en Wimbledon

O Salnés
06 de xullo 2023

A prometedora tenista arousá caeu no seu primeiro partido nun grand slam ante a ucraína Anhelina Kalinina por 4-6 e 3-6

Captura de vídeo da retransmisión do partido de debut de Jéssica Bouzas en Wimbledon
Captura de vídeo da retransmisión do partido de debut de Jéssica Bouzas en Wimbledon / Movistar

O ansiado debut de Jéssica Bouzas en Wimbledon chegou este xoves con dous días de atraso provocado pola choiva que caeu esta semana en Londres. Por desgraza, o resultado non foi o desexado e a tenista vilagarciá sucumbiu en primeira rolda ante a número 26 do mundo, a ucraína Anhelina Kalinina.

O cartel de favorita na eliminatoria era para a centroeuropea, pero Jéssica Bouzas xa demostrou na fase previa que non se acovarda ante rivais poderosas e esta vez volveu plantar cara. Con todo, non foi suficiente para facerse coa vitoria que caeu ao lado ucraíno en dous sets (4-6 e 3-6)

A primeira manga do encontro foi a máis disputada. Ambas as tenistas foron capaces de defender o seu servizo ao longo de case todos os xogos, pero foi no momento decisivo cando a Kalinina rompeu o saque da pontevedresa e aproveitou o seu para apuntarse o primeiro tanto.

Co resultado en contra, a igualdade seguiu sendo a tónica dominante no duelo ata o sétimo xogo, no que Kalinina cobrou vantaxe ao romper o saque de Bouzas. Unha vez máis, a galega non puido contrarrestar o servizo do seu rival, que se afastaba no marcador (3-5). No xogo definitivo, Bouzas anotouse o punto inicial, pero Kalinina remontou e acabou pechando o partido na súa primeira bóla de partido que Bouzas cedeu cunha dobre falta.

A pesar da derrota, a tenista arousá demostrou no seu primeiro grand slam e no seu primeiro torneo sobre herba que ten potencial para seguir crecendo. Con só vinte anos xa sabe o que é xogar un dos catro grandes torneos do circuíto e derrotar a rivais que tiña por encima na clasificación WTA, clasificación na que pegará un importante subidón cando conclúa o aberto británico.