Concello e Bea Gómez asinan o convenio de patrocinio da nadadora

Pontevedra
29 de xaneiro 2014

Bea Gómez recibirá 14.520 euros anuais ata os Xogos Olímpicos de Río 2016. "Estoy agradecida de recibir este apoyo por parte de mi ciudad e intentar conseguir mi objetivo desde casa", declarou a deportista pontevedresa

Miguel Anxo Fernández Lores e Bea Gómez Cortés
Miguel Anxo Fernández Lores e Bea Gómez Cortés / PontevedraViva

O patrocinio do Concello de Pontevedra á deportista olímpica Bea Gómez Cortés é xa unha realidade, tras asinarse este mércores o convenio entre ambas as dúas partes.

Deste modo a nadadora do Galaico recibirá 14.520 euros ao ano ata os próximos Xogos Olímpicos de Río 2016, que preparará adestrando na cidade.

"Estoy agradecida de recibir este apoyo por parte de mi ciudad e intentar conseguir mi objetivo desde casa", declarou Bea na comparecencia ante os medios de comunicicación xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

O rexedor sinalou que "houbo un risco real de que Bea se fose", polo que decidiron actuar para competir coas ofertas que a nadadora tiña doutros lugares.

Así, ademais da parte económica, a Secretaría Xeral para o Deporte decidiu crear no Centro de Tecnificación Deportiva un grupo de adestramento de alto rendemento.

Fernández Lores entende que o exemplo que pode supoñer Bea Gómez demostra que "é posible competir ao máximo nivel dende Pontevedra e ir a unha olimpíada adestrando aquí".