Primeira bóla de partido para o Pontevedra que recibe en Pasarón (domingo, 17:30 horas) a visita de As Pontes. Un punto abonda aos granates para asegurarse o título de campión de liga, mentres que os visitantes, o CD As Pontes, non se xogan no envite nada máis que mellorar posicións na táboa, ao encontrarse a salvo de calquera perigo pola zona baixa, e case sen opcións matemáticas de pelexar polo cuarto posto.
O partido, que será dirixido polo colexiado Pablo Álvarez Calderón (Vigo), auxiliado nas bandas por David Veloso Prado e Eduardo Rivera Gores, atrasa trinta minutos a súa hora habitual de inicio co fin de facilitar acudir aos afeccionados na festividade do Día da Nai, data que o consello de administración do club granate quere aproveitar para homenaxear a todas as nais que se acheguen ao estadio, que terán libre acceso ás bancadas, retirando o correspondente convite na porta de presidencia.
Os de Luisito afrontan este choque coa tranquilidade que lles dá a súa vantaxe sobre o Deportivo B, pero sen permitirse a máis mínima confianza. Os datos e a estatística xogan a favor dos granates, que nos sete partidos disputados contra o CD As Pontes nas catro últimas tempadas sempre conseguiu a vitoria, iso sen contar con que ademais o filial deportivista ten nesta xornada un partido complicado en Abegondo, fronte ao Arosa, que, en caso de non gañar, tamén daría a clasificación ao Pontevedra.
Pero o desexo de equipo e afección é poder celebrar o título no campo para empezar a pensar en posibles rivais nun play-off que concede a oportunidade aos campións de celebrar o ascenso se conseguen vencer na primeira eliminatoria.
Os granates pecharon a preparación para o partido cunha sesión de adestramento suave que tivo como escenario o do partido, na mañá deste venres. Con todos os seus homes dispoñibles, agás Adrián, que se exercitou á parte en tarefas de recuperación da lesión muscular que sofre, o adestrador cambiou a súa forma habitual de proceder nos partidos de casa, nos que viña convocando a todos os xogadores en condicións de xogar.
Esta vez Luisito optou por citar só 16 homes, repetindo idéntica convocatoria que a xornada anterior viaxou a Bouzas, é dicir: Edu, Lloves, Campillo, Rubén Lobato, Pablo, Capi, Kevin Presa, Tubo, Álvaro Muñiz, Pablo Carnero, Mouriño, Jorge, Anxo, Benja, Pedro García e Jacobo.