Gañar para seguir soñando. ÿ a única consigna válida para un Pontevedra necesitado de sumar os tres puntos fronte a un rival sempre complicado como é o Barbadás, que visita Pasarón o domingo, 17:00 horas, con arbitraje do colegiado lucense Javier Pérez Prado, con todos os seus efectivos dispoñibles, e con ganas de repetir a vitoria que conseguiran, de forma entón sorprendente, no seu campo, nun partido de ingrato recordo para os granates.
Un Barbadás recentemente ascendido pero consolidado en metade da táboa, a só seis puntos de distancia dos pontevedreses e que, aínda que basea a súa fortaleza no seu campo, nos tres últimos desprazamentos logrou uns resultados moi positivos, con dúas vitorias (Alondras e Villalbés) e un empate (Céltiga), o que fala dun equipo serio, que nunca dá un partido por perdido, moi intenso nas súas accións e especialmente perigoso nas xogadas a balón parado, como moi ben sufriu nas súas propias carnes o Pontevedra no partido disputado entre ambos na primeira volta.
A diferenza do cadro ourensán, o Pontevedra segue mermado pola praga de baixas que lle vén afectando durante prácticamente toda a tempada. Tralo último adestramento da semana realizado na mañá do sábado, en Pasarón, confírmanse as baixas de Tubo, por sanción federativa, ademais de Caco, Sestelo e Santi Domínguez, que non conseguiron chegar a tempo, xunto á xa coñecida de Fran Fandiño, que segue coa recuperación da súa intervención de pubis, e que xa comezou a traballar parcialmente co grupo.
Esta situación obriga a Milo Abelleira a tirar do filial e do equipo xuvenil para completar unha convocatoria na que están todos os dispoñibles, xunto aos mozos Pibe e Tomás.
En canto ao posible once inicial que opoña ao Barbadás, podería ser o formado por: Lloves; Pacheco, Yago Vázquez, Pablo, Adrián; Cristóbal Juncal, Moisés, Iago Paz, David Pérez; Richi e Stefan, coa posibilidade de que finalmente opte por darlle continuidade a un Javi Pazos, cuxo concurso resultou fundamental no partido da pasada semana en Barreiro.