Con tres puntos máis no seu haber tras o triunfo en Móstoles, o Arosa buscará seguir na senda da vitoria para continuar co seu ascenso na clasificación. Para iso, deberá superar este domingo na Lomba (17:00 horas) ao Leganés B, sexto clasificado con 22 puntos.
Unha vitoria do cadro arousán, décimo clasificado con 20 puntos, supoñería pasar por encima ao seu rival e verse nunha posición moi boa para o parón de Nadal.
"É un equipo moi novo, ten xente moi dinámica e rápida, a de arriba adóitase quedar descolgada e teremos que estar moi atentos", advirte Javi Piay, que recalca á súa vez a dificultade engadida ao tratarse de "un filial con xente con dinámica de primeiro equipo", o que implica que terán "un ritmo moi alto".
Concorda con el o técnico Jorge Otero, consciente da dificultade que ten enfrontarse a un filial e máis a un Leganés B que ten "moi bos xogadores arriba e por banda", o que conleva "que teñas que prestar moita atención".
Será un "partido moi serio en tarefas defensivas", iso si, o Arosa non vai só a defender, senón que aproveitará o seu potencial para facer dano cando se atope en posesión do esférico. Cando toque defender, en cambio, Otero insiste en "tentar estar moi preto deles para que non poidan xogar con facilidade e realizar moi boas axudas e coberturas para non ter problemas en tarefas defensivas".
Reforzados despois do triunfo en Móstoles e de perder na casa inxustamente co Compostela, Piay considera que "o equipo está a ir de menos a máis, estamos a atoparnos un pouco mellor con balón e haberá que plasmalo o domingo para seguir con esta boa dinámica para conseguir os tres puntos".
Nunha liga na que "se ganas dous partidos métesche arriba e perdes dous e estás abaixo", o defensor cre que se seguen traballando nesta dinámica "imos conseguir a salvación".
Finalmente, tanto Otero como Piay esperan, como ocorre cada fin de semana, que a afección acompañe ao equipo para conseguir a que sería a última vitoria do ano, o que sería un "empuxón" para para as vacacións de Nadal.
SUPER SORTEO DE NADAL
O Arosa, con motivo o Nadal, realizará este domingo no partido do Leganés unha venda de rifas moi especial. No que será o peche do ano 2021, o equipo sorteará entre socios e afeccionados máis de trinta agasallos entre os que se atopan cestas de Nadal, alimentos, bebida, roupa, sesións de spa ou a camiseta do RC Celta de Jose Fontán asinada polo propio xogador.