Competición rexeita as alegacións do Lanzarote e confirma o empate co Cisne

Pontevedra
26 de decembro 2024

O resultado do encontro, que inicialmente foi de 30-29, foi modificado despois ante as protestas e probas achegadas polo Cisne, ao que non lle contabilizaron un gol

Partido entre Cisne e Zarautz no Príncipe Felipe
Partido entre Cisne e Zarautz no Príncipe Felipe /

Agora si que non hai volta atrás, e o último partido do ano do Club Cisne Balonmán finalizou oficialmente en empate.

Tras o polémico final do encontro, con 30-29 no marcador en favor do BM Lanzarote, o equipo pontevedrés presentou unha reclamación que atendeu a Real Federación Española de Balonmán tras unha revisión arbitral ao entender, e probar, que non se lle contabilizou un gol de Bruno Vázquez.

A pesar da proba achegada polo Cisne, mostrando o vídeo do momento en cuestión e apoiando a protesta na propia pista de Roi Gallego ante os árbitros, o equipo canario alegou ante Competición coa intención de quedar cos dous puntos en xogo.

Cabe lembrar que desde Pontevedra non gustou o comportamento do BM Lanzarote Ciudad de Arrecife, inhabilitando o acceso á retransmientión do encontro na plataforma Youtube cinco minutos despois da conclusión nun intento de entopecer unha reclamación cisneísta.

Con todo o Comité de Competición non atendeu á súa reclamación "tendo en consideración o exposto polos árbitros do encontro no anexo da acta e o informe complementario en relación coas indicencias producidas respecto do resultado final", xustifica na resolución feita pública este xoves.

Asegura o comité federativo que as alegacións do conxunto canario "non teñen entidade suficiente como para desvirtuar a presunción de veracidade da acta e o informe arbitrais, ademais de que non se achega argumento ou proba algunha que permita apreciar a existencia de erro na cuantificación dos goles marcados por ambos os equipos".

Por todo iso, conclúe Competición, só queda "ratificar o resultado final do encontro fixado polos árbitros en 30-30".

Ademais a Real Federación Española de Balonmán impón varias multas ao Lanzarote por un valor total de 600 euros por inclumplir coas súas obrigas coa retransmisión en streaming do partido, a subida posterior do vídeo e tamén por non subir as estatísticas do choque.

Con este empate xa confirmado o Cisne chegará a final de ano na novena posición da táboa da División de Honra Prata con 14 puntos.