A Sociedade Deportiva Teucro logrou o pasado sábado 11 de novembro o seu oitavo triunfo en nove xornadas de liga de Primeira Nacional. Fíxoo nun axustado e polémico duelo na pista do Lalín que se decidiu por un tanto sobre a bucina de Carmelo Álvarez (26-27).
Ese resultado foi impugnado polo conxunto local, ao entender que non se debía dar validez á última xogada por chegar fóra de tempo. En concreto os de Lalín queixábanse dun tempo morto concedido a pesar de non ser solicitado e que deixara tres segundos ao Teucropara o seu último ataque, no que logrou o tanto decisivo.
Con todo a súa reclamación non chegou a bo porto e os puntos vanse definitivamente para un Teucro líder con 16 puntos.
Na súa resolución desta semana o Comité Nacional de Competición inadmitiu a reclamación do Lalín "en aplicación ao disposto no último parágrafo do artigo 179 do Regulamento de Partidos e Competicións, ao tratarse dunha impugnación de decisións adoptadas polos árbitros durante o encontro que, ademais teñen a condición de inapelables", explica o Comité.
Esta resolución é recurrible aínda ante o Comité de Apelación.