En 1984un grupo de mozas que compartían a paixón polo baloncesto e xogaban no mesmo equipo decidiu sementar unha semente en Pontevedra. Baixo o nome de Club Baloncesto Arxil, deron vida a un proxecto que empezou na mesa dun bar e transcendeu os límites do deporte, converténdose nunha auténtica familia.
Begoña Arias, unha das fundadoras do club, lembra con agarimo os inicios: "Eramos un grupo de mozas que xogabamos xuntas. Nese momento, había varios equipos, pero non tiñan unha base así forte. O equipo no que estabamos practicamente desaparecía, así que decidimos crear un novo, con nome novo e partindo da base que xa tiñamos".
Todo comezou "como unha cousa de amigas nun bar buscando un nome para o equipo. Quen ía pensar que daquilo xurdiría isto?", pregunta Begoña, aínda sorprendida polo que lograron.
Aínda que se mudou a Madrid por traballo e estivo alí vivindo moitos anos, nunca perdeu o vínculo co Arxil. "Agora volvo e estou con elas coma se non me fose. Para min, é un orgullo poñer ese puntiño aí para conseguir o que logrou toda esa xente que leva aí tantos anos. É incrible a cantidade de persoas que pasaron polo club. Créanse cuadrillas de amizade para toda a vida".
O que comezou como un proxecto "moi pouco profesional" evolucionou ata converterse nun club profesionalizado, con xogadoras estranxeiras e un "enorme traballo desde a base. Quizais naquela época non era moi normal que as mozas xogasen nun equipo", reflexiona Begoña, "agora é máis normal que practiquen todos os deportes. Está máis metido na sociedade que haxa igualdade á hora de ter a posibilidade de xogar a calquera deporte".
Con todo, subliña que o camiño, nin foi fácil, nin o é agora, e espera que o Arxil reciba máis apoio institucional no futuro. "Ano tras ano teñen que estar a sufrir a principio das tempadas para conseguir axuda económica e iso é un déficit importante", sinala.
Aínda así, a súa mensaxe para as xogadoras e futuras xogadoras é claro: "Que se apoien e apunten ao baloncesto. Isto é máis que un deporte, sobre todo o Arxil". Para ela, é un motivo de orgullo. "O Arxil xa ten un nome a nivel Galicia e en España. Viuse cando, por desgraza, faltounos Maite; a xente coñecía o seu legado... O Arxil xa ten o seu papel na sociedade pontevedresa e en toda Galicia".
Sara Lago, quen comezou a xogar no club en 1996, tamén comparte ese sentimento de pertenza. "O Arxil é parte dunha familia. Cada vez hai máis nenas e máis iniciativas sobre a igualdade, e vexo que o club ten unha evolución moi boa e vaise adaptando aos tempos".
"Botei moitos anos aquí, e sigo involucrada co club. Somos como unha familia, estamos para o bo e para o malo. Axudan ás nenas a que poidan xogar, dedicarse ao que queiran e chegar a ser profesionais", destaca.
Sara tamén subliña a importancia que tivo o Arxil na promoción do deporte feminino en Pontevedra. "Foi pioneiro. Moitas nenas que querían xogar ou practicar deporte, igual que os seus irmáns ou curmáns, tiveron a oportunidade de facelo grazas ao Arxil. Agora hai un gran volume de nenas e imos de xeración en xeración. As que foron xogadoras agora teñen fillas que seguen aquí, e parece que isto segue adiante".
No caso de Ana Martín, outras das xogadoras emblemáticas do club con 17 tempadas ás súas costas, tamén resalta o carácter familiar do club. "Teño 42 anos e, aínda que son de Vigo, o Arxil foi a miña familia. Estiven tanto tempo no club porque me sentía moi a gusto", afirma.
Ana tamén reflexiona sobra como cambiou a percepción do deporte feminino desde que ela empezou, e é que "cando tiña 19 e facía o esforzo de vir de Vigo a Pontevedra todos os días, a xente dicíame que estaba tola, como era posible, total era só baloncesto. Agora é case unha obrigación que a muller faga deporte, o cal é moi interesante porque antes era impensable. Agora cada vez máis nenas queren facer deporte e xogar ao baloncesto, veñen con moita emoción e ganas de continuar, algo que antes era bastante complicado".
María Lago, actual xogadora do Arxil e unha das súas capitás aterrou en Pontevedra con 18 anos para estudar e xa leva 14 tempadas vestindo a camiseta verde. Comparte que o club a axudou sempre máis aló do deportivo e "Maite e San foron como nais máis que adestradoras. Sempre potenciaron que nunca abandonásemos os estudos e que puidésemos compaxinar todo", indica.
Para Mariña e Aldara Vázquez "o Arxil é moito máis que un club, é a nosa familia. Non me imaxino estar sen eles", afirman. Valoran especialmente o agarimo co que se trata a todas as xogadoras que entran, sen ningún tipo de distinción. "Se lle preguntas a calquera, diranche que o Arxil é como unha familia. Sempre están dispostos a axudar a resolver calquera problema", sinalan.
Pero a creación do Arxil tamén tivo o seu impacto na sociedade pontevedresa máis aló do que pode significar a nivel interno. "A miña nai, xunto co meu pai, San e Begoña, decidiron crear un club de baloncesto feminino porque non había un en Pontevedra. A miña nai sempre dixo que, se tiña fillas, gustaríalle que tivesen a oportunidade de xogar. Nestes 40 anos pasouse de que en Pontevedra non houbese un club feminino a estar en Segunda División a nivel nacional", valora Aldara.
Con todo, a pesar de estar nesa categoría aínda son moitas as diferenzas as que hai con respecto aos compañeiros homes. "Eu non cobro", sinala a maior das irmás, "e calquera mozo de Segunda División vive perfectamente disto. Evolucionamos, pero aínda hai moito por traballar.
Finalmente, engaden que o Arxil foi clave para mostrar ás nenas que poden practicar deporte colectivo. "Antes non había fútbol, waterpolo, balonmán... Non había moitas cousas que agora hai. Gústame pensar que o feito de que algúns clubs, como este, empezasen co deporte feminino, fixo que outros tamén impulsasen estas disciplinas".