Comezo de ano impecable para un Teucro que consegue a primeira vitoria en liga (33-22)

Pontevedra
15 de xaneiro 2022

Xa está aquí a primeira vitoria da tempada para a Sociedad Deportiva Teucro despois de catro meses e 12 xornadas. O conxunto pontevedrés noqueou ao Balonmano Soria despois dunha impoluta segunda metade na que o gardameta Kilian Ramirez cobrou protagonismo para converterse no ferrollo da portería teucrista

Partido de División Honra Prata entre Teucro e Balonmano Soria no Pavillón Municipal
Partido de División Honra Prata entre Teucro e Balonmano Soria no Pavillón Municipal

Xa está aquí a primeira vitoria da tempada para a Sociedad Deportiva Teucro despois de catro meses e 12 xornadas.

O conxunto pontevedrés noqueou ao Balonmano Soria despois dunha impoluta segunda metade na que o gardameta Kilian Ramirez cobrou protagonismo para converterse no ferrollo da portería teucrista. Este triunfo no primeiro partido do ano e que tanto tardou en chegar, dá esperanzas ao equipo adestrado por Irene Vilaboa para loitar pola permanencia en División Honra Prata. 

Comezou o partido con imprecisións para ambos os conxuntos, perdendo os primeiros ataques por senllos erros nos pases. E non só iso, fallou Dzokic desde a liña de sete metros e o Soria respondeu cometendo falta en ataque.

Aos 2 de xogo, Martín Davila abriu a lata a favor do Teucro, que se atopaba en superioridade numérica pola exclusión de Diego Rueda e que lograba colocarse con dous goles de diferenza grazas tamén ao tanto de Álex Sánchez. Pola súa banda, o equipo visitante tardou case catro minutos en romper cunha falta de acerto cara portería que estaba a ser predominante en cada ataque.

Os azuis non se atopaban cómodos na cancha. O marcador mostraba un 3-3, pero a obrigación de gañar empezaba a provocar que os nervios se notasen en cada pase ademais de nos contragolpes, que podían marcar a diferencia pero terminaban en terra de ninguén debido á precipitación e á mala decisión no instante decisivo.

Conseguiu o Soria, despois de catro minutos nos que ningún equipo moveu o resultado, facer o 3-4 grazas á superioridade numérica pola exclusión de Vinicius. Lonxe de deixar que o seu rival se afastase, o Teucro soubo aguantar o tirón, mesmo cando os de amarelo se colocaron con dous de vantaxe (4-6), obrando un gran parcial de 3-0 que lle devolvía o dominio ( min. 14, 7-6).

O últimos quince minutos do primeiro acto seguiron a tónica dos primeiros, gran igualdade por parte dos dous conxuntos que repartiron os golpes en ambas as porterías para chegar ao descanso cun 13-13.

Despois do paso polos vestiarios a Sociedad Deportiva Teucro dominou, e de que maneira. Aos seis de xogo facíanse cunha renda de dous goles que obrigaba ao técnico visitante a parar o cronómetro ante os continuos fallos dos seus, que se estaban atopando cun Kilian Ramirez baixo paus convertido no salvador.

Seguiron ao seu os xogadores pontevedreses, facendo cada vez máis dano a un Soria que se atopaba a catro tantos de distancia dun Teucro que se gustaba e estaba arroupado polo seu público (min. 10, 21-17).

E a partir de aí só houbo un equipo sobre a pista. Con cabeza, orgullo e garra o equipo de Lérez fíxose grande, freando cada internada do rival, que estivo 10 minutos sen marcar. Administraron cada ataque, converténdoos en tantos que subían e subían ao marcador ata atoparse en ata 11 goles de vantaxe cando aínda quedaban cinco minutos para a conclusión.

Cinco minutos eternos para un Soria que se rendeu ante unha Sociedad Deportiva Teucro que inicia o ano da mellor maneira posible (33-22).

Consulta as estatísticas do Teucro-Soria