Comeza a tempada para o rugby pontevedrés

Pontevedra
10 de outubro 2023

Pontevedra Rugby Club e Mareantes Rugby Club levantarán o pano a próxima fin de semana a unha nova tempada, na que competirán na Primeira e Segunda División Galega respectivamente

Campo de rugby de Monte Porreiro
Campo de rugby de Monte Porreiro / Concello de Pontevedra

O rugby pontevedrés conta as horas para iniciar de maneira oficial unha nova tempada deportiva, co inicio o vindeiro sábado 14 de outubro das ligas autonómicas.

Na Primeira División Galega competirá o equipo masculino do Pontevedra Rugby Club (PRC), que se medirá a equipos que ata hai pouco militaban en categoría nacional. 

De feito o seu primeiro partido de liga será na casa do Campus Universitario Ourense, un equipo que hai dous anos renunciou a participar en División de Honra. Ademais compoñen a máxima categoría galega o Universidade de Vigo, CRAT da Coruña, Os Ingleses de Vilagarcía, CR Ferrol e Muralla de Lugo.

Sete equipos que loitarán polos catro postos que darán dereito a xogar o play-off polo título e por escapar da única praza de descenso directo. Ademais o sexto clasificado final deberá xogar promoción de permanencia co segundo clasificado de Segunda División Autonómica.

Nesa categoría, na Segunda Galega, xogará esta tempada o Mareantes Rugby Club, que se estreará este domingo 15 en Rianxo fronte ao Barbanza RC, club que á súa vez exercerá esta campaña de filial do PRC. Lalín, CR Fendestas, Santiago RC e Zalaeta completan a liga.

Os clubs pontevedreses preparan á súa vez o inicio das ligas de categorías inferiores.