Cinco partidos en menos dun mes, dos cales catro deles terán como escenario o campo municipal de Pasarón. Todo un reto. Algo así como unha empinada "costa de xaneiro" deportiva para o Pontevedra, na que estarán en xogo as posibilidades reais de remontar posicións e seguir optando a disputar o play-off de ascenso.
O equipo granate volvía ao traballo na tarde do mércores no campo de Príncipe Felipe, tras as minivacacións do Nadal, e fíxoo con case todos os seus efectivos ao completo. Ademais de Pacheco, que segue o seu proceso de recuperación tras a intervención cirúrxica a que foi sometido para corrixir a fractura da súa man, unicamente estivo ausente do ensaio Santi Domínguez, se ben no caso do máximo goleador do equipo as noticias son positivas, como sinalaba o técnico, Milo Abelleira: "Santi está ben. Por problemas de traballo non puido acudir pola tarde, pero traballou pola mañá sen notar molestias e díxome que se sentiu perfectamente. Mañá adestrará xa con todo o grupo".
Outra noticia positiva foi a volta ao traballo de Buba. O xuvenil incorporouse ao grupo, despois de ser operado de menisco, polo que apura os seus últimos días antes de estar de novo en disposición de xogar.
Fran Fandiño completou o adestramento pero segue sendo dúbida
Pero a maior incógnita céntrase en Fran Fandiño. O centrocampista puido completar a sesión cos seus compañeiros, pero prefire darse unha marxe para ver se despois do descanso volven as molestias ao continuar os adestramentos: "Creo que hai que esperar un pouco -dicía o termo do ensaio-, é o primeiro día de adestramento e nótome un pouco cargado, pero polo menos puiden completar o traballo de hoxe e a ver estes días como vai. Espero poder evitar o quirófano, polo menos de momento, pero xa digo, hai que ser cautos e ver como vai a semana para saber se podo estar en condicións".
Foi unha volta á actividade tranquila. Os xogadores regresaron sen maiores problemas, salvo unhas lixeiras molestias de Jacobo, como consecuencia dun golpe recibido no partido de Betanzos, pero que o mesmo xogador considera non teñen maior importancia.
O xoves o adestramento terá como escenario Pasarón, o que aproveitará o corpo técnico para facer pasar pola báscula aos xogadores e comprobar se as vacacións tiveron repercusión en forma de aumento de peso nalgún. A semana de traballo previa o transcendental partido do domingo, fronte ao Deportivo B, seguirá o venres, de novo en Pasarón, en ambos os dous casos pola tarde, mentres que o sábado para o último ensaio se volverá a Príncipe Felipe, en sesión matinal.