Comeza a conta atrás para a celebración do Campionato de España Infantil Feminino de baloncesto que acollerá Pontevedra desde o 2 ao 8 de xuño. A fase de grupos disputarase nas dúas pistas do Pavillón da Xunqueira e os cuartos, semifinal e final no Pavillón Municipal.
O evento, que xa foi anunciado pola Federación Española de Baloncesto hai unha semana, presentouse de maneira oficial este venres na sala de prensa do Concello por Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Julio Bernárdez, presidente da Federación Galega; Miguel Méndez, adestrador da Selección Española feminina; Mayte Méndez, adestradora do CB Arxil; e Nerea Liste, xogadora.
Tal e como explicou o rexedor pontevedrés serán en total 32 equipos os que participen e máis de 600 xogadoras, que acompañadas do corpo técnico, familiares e afeccionados encherán a Boa Vila dun gran ambiente deportivo. Espérase, de feito, a presenza de máis de 2.000 persoas ao longo de toda a semana.
Será unha "festa ver aos equipos pola cidade apoiados polas familias", engadiu Mayte Méndez, que indicou á súa vez que Pontevedra ten "unha estrutura idónea" para levar a cabo este tipo de competicións. "Que isto non pare e siga habendo eventos todas as tempadas", animou.
No caso do seleccionador nacional, sinalou que as deportistas poderán "disfrutar desde la exigencia de un campeonato como este" rodeadas da elite deste deporte e nunha cidade que "es tan de baloncesto y tan de baloncesto femenino".
Finalmente, o presidente da Federación quixo destacar as facilidades postas tanto polo Concello como polo Arxil para a organización deste evento e desexou que o equipo estea o ano que vén en Liga Challenge, algo que sería "moi importante para o baloncesto de Pontevedra e de Galicia".