Fomentar a reactivación da actividade física ao aire libre nos barrios e parroquias de Pontevedra e combater a ameaza do sedentarismo nestes tempos de pandemia son os principais obxectivos do programa municipal Saúde na Rúa, que acaba de presentar a Concellería de Deportes en colaboración co colectivo Fai Deporte.
A iniciativa está pensada para que cidadáns de todos os grupos de idade e estados de forma "retomen o gusto pola práctica deportiva e sexan conscientes da súa vital importancia á hora de manter unha saúde forte na actual situación", explicou o edil Tino Fernández.
A primeira parada deste programa será o barrio de Estribela, concretamente na pista deportiva da praza Marqués de Valterra, o vindeiro sábado 19 de setembro (17.30 a 20.00 horas). Todo iso "en grupos moi reducidos e mantendo os máis estritos protocolos de seguridade", confirmou o concelleiro pontevedrés, ao estar previsto organizar varios grupos de 30 ou 40 minutos e de 10 integrantes cada un.
Trátase dun proxecto ao que se lle quere dar continuidade en diferentes barrios e parroquias do municipio. Así está prevista unha programación de catro xornadas continuando con Monte Porreiro, Ponte Sampaio e Santa María de Xeve. Despois "se a cousa funciona e a xente anímase seguiremos levando o plan por outros lugares do municipio", engadiu o responsable municipal de deportes.
Saúde na Rúa nace cun carácter inclusivo coa idea de que poida participar todo o mundo, independientemente da súa condición física, ao tratarse de "unha actividade física moi básica e sinxela acompañada por música e que integrará disciplinas como a ximnasia de mantemento, o pilates, a zumba ou o aeróbic".
Para participar será necesario realizar inscrición previa a través do teléfono 672 63 23 60 ou da dirección de correo electrónico [email protected].