A 61ª edición da Regata Rías Baixas terá un protagonismo destacado no Concello de Poio, onde se celebrarán dúas saídas de etapa desde Combarro.
O evento foi presentado este mércores no Concello de Poio coa presenza do alcalde Ángel Moldes, o presidente do Real Club Náutico de Vigo, José Antonio Portela, e representantes de Marina Combarro, porto clave nesta edición.
A flota, que xa conta con máis de corenta barcos confirmados, partirá o 14 de agosto de Vigo con destino a Combarro, onde se celebrarán as saídas das etapas 2 e 4.
Marina Combarro será tamén o punto de chegada das xornadas 1 (Vigo-Combarro) e 3 (A Pobra-Combarro), situando á Ría de Pontevedra como un escenario potencialmente decisivo na loita polo trofeo principal.
A participación desta edición agardan, desde a organización, que supere os 600 regatistas.
A Regata Rías Baixas desenvolverase entre os días 14 e 18 de agosto, recuperando o seu formato de cinco etapas, cun final sempre intenso na última xornada Vigo-Cíes-Vigo.