O estadio municipal de Pasarón está a ser obxecto de traballos de mantemento de última hora para intentar mellorar o estado do terreo de xogo ante o importante partido de Copa do Rei que enfrontará este venres ao Pontevedra CF co RCD Mallorca, nun encontro onde se agarda un cheo absoluto nas bancadas ao quedar menos dun milleiro de entradas dispoñibles.
Operarios do club traballan este xoves intensamente sobre o céspede, que presenta zonas con escasa herba, especialmente visibles nas áreas, onde están a aplicar area para corrixir as deficiencias.
A acumulación de partidos durante o último mes e as condicións meteorolóxicas propias desta época do ano pasaron factura ofrecendo calvas no céspede.
O adestrador do Pontevedra CF, Yago Iglesias, mostrou a súa preocupación polo estado do campo. "A verdade é que me sorprende que estea un pouco como está", recoñeceu en rolda de prensa, aínda que confía en que os traballos que se están a realizar dean os seus froitos: "Esperemos que o que están facendo sobre el permita que mañá estea o mellor posible".
O técnico granate subliñou que "o período de decembro-xaneiro sempre é complicado aquí" e que o campo se resinte agora polos numerosos partidos disputados en Pasarón nas últimas semanas do 2024.
"Quereríamos que estivera en mellores condicións para que se vexa un espectáculo moito máis acorde ao que os dous equipos son", engadiu.
As previsións meteorolóxicas, que anuncian choiva para este venres, poderían complicar aínda máis a situación do terreo de xogo.