O Cisne revive no Municipal e vence o Novás

Pontevedra
12 de outubro 2024
Actualizado: 22:11

Os partidos en casa para o Cisne están a ser rehabilitadores. O conxunto pontevedrés mostrou un rendemento ascendente para levar o triunfo ante o Atlético Novás (35-26)

Partido entre Cisne e Atlético Novás no Pavillón Municipal
Partido entre Cisne e Atlético Novás no Pavillón Municipal /

Os partidos en casa para o Cisne están a ser, canto menos, rehabilitadores. O conxunto pontevedrés mostrou un rendemento ascendente ante o Atlético Novás, que, tras un inicio igualado, non puido manter o ritmo na segunda metade (35-26).

Arrincou o partido coa habitual repartición de goles entre ambos os conxuntos, que apenas perdoaban en ataque para manter a igualdade durante o primeiros dez minutos de xogo.

Con todo, o conxunto pontevedrés sufriu un apagamento a partir dese momento.

O Novás subiu o 7-10 ao luminoso e Quiños solicitou un tempo morto para reorganizar ao seu equipo, pero a exclusión de Iván Calvo deixounos en inferiodad numérica e os visitantes aproveitaron para incrementar a vantaxe en catro tantos (7-11).

Pese ao momento complicado, o Cisne soubo reaccionar e logrou recuperar o control do partido cunha defensa máis sólida e un ataque máis fluído.

De feito, a falta de oito minutos para o descanso, empatou, e chegouse ao intermedio co marcador completamente equilibrado (14-14).

Tras o paso polos vestiarios, os brancos saltaron á cancha coa mentalidade renovada e un punto máis de intensidade.

As rápidas transicións e o xogo en equipo comezaron a dar froitos, permitíndolles establecer unha vantaxe de 21-18.

O adestrador visitante pediu entón tempo morto nun intento de deter a hemorraxia, pero non logrou cambiar o rumbo do partido.

O Cisne continuou dominando en todas as facetas de xogo, pechando espazos en defensa e atopando opcións de gol con facilidade para castigar quizá de maneira excesiva a un Novás que competiu durante a primeira parte, pero viuse completamente superado na segunda (35-26).

Consulta as estatísticas nesta ligazón