O Club Cisne Balonmán segue adiante na Copa do Rei, e faino despois de terse dado o gusto de eliminar na primeira rolda do torneo a un equipo da Liga Asobal.
O conxunto pontevedrés recibía este mércores no Municipal o Ángel Ximénez de Puente Genil, actual décimo clasificado na máxima categoría, pero plantexou o duelo sen complexos e saíulle ben (34-31).
Tras un inicio igualado no que o lateral esquerdo angoleño Rubén Gonçalves marcaba a pauta no ataque visitante con lixeiras vantaxes, os locais lograban porse por primeira vez por diante aos 6 minutos tras unha boa intervención de Francisco Latorre en portaría e unha contra finalizada por Alberto Delgado (4-3).
Desde ese momento os homes dirixidos por Quiños pasaron a dominar o marcador. Atopaban accións claras de tiro en ataque, e en defensa aos poucos ían complicando as cousas ao Ángel Ximénez. A renda subía primeiro aos dous tantos e despois ao tres, con gran acerto da primeira liña cisneísta na que primeiro Nuno Pando e despois Marko Ojeda marcaban de maneira consecutiva (10-7).
O equipo visitante non era capaz de cortar a situación, e tras dous goles case seguidos de Carlos Morales e Martín Santos víase obrigado a parar o partido aos 21 minutos (14-9). Aínda ampliou a ferida un gol de Furtado (15-9), ata que unha exclusión de Mateo Arias serviulle para empezar a minimizar danos.
Desa forma chegouse ao descanso cun 17-15 para os pontevedreses que facía xustiza ao visto sobre a cancha pero que aínda deixaba todo no aire.
Tras o paso por vestiarios o Ángel Ximénez subiu un punto a intensidade da súa defensa. Cada vez empezaba a ser máis complicado atopar opcións claras e moitos ataques acaban en aviso de xogo pasivo. A pesar diso o Cisne mantiña a iniciativa oscilando a súa renda nun ou dous tantos e sostido en ocasións en portaría por Francisco Latorre, con varias intervencións de moito mérito.
O partido agora si era en grao sumo igualado, pero o tempo corría a favor dos locais, que ían rabuñando segundos ao cronómetro sen que o Puente Genil chegase a culminar a súa remontada.
Chegaron a empatar o duelo a falta de oito minutos (27-27), pero rápidamente os de Quiños recuperaron o +2 empezando a ver cada vez máis cerca a machada.
Entrábase xa nos minutos decisivos, e aí acabou sendo mellor o Cisne para culminar a súa gran noite con 34-31 final e encargar outra rolda de Copa. Polo Municipal pasará de novo outro equipo de Asobal.