Cisne e Teucro buscan no Municipal a primeira vitoria da segunda fase

Pontevedra
01 de abril 2022

Chega unha fin de semana chea de balonmán ao Pavillón Municipal de Pontevedra, onde Cisne (17:30 horas) e Teucro (20:00 horas) recibirán a Eón Alacante e Esplugues para conseguir a súa primeira vitoria da segunda volta e continuar coas súas aspiracións tanto de ascenso a Asobal como de permanencia na División Honra Prata

Partido entre Teucro e Alarcos Ciudad Real no Pavillón Municipal
Partido entre Teucro e Alarcos Ciudad Real no Pavillón Municipal / Cristina Saiz

Chega unha fin de semana chea de balonmán ao Pavillón Municipal de Pontevedra, onde Cisne e Teucro recibirán a Eón Alacante e Esplugues para conseguir a súa primeira vitoria da segunda volta e continuar coas súas aspiracións tanto de ascenso a Asobal como de permanencia na División Honra Prata.

Os brancos serán os encargados de iniciar a xornada ás 17:30 horas contra o equipo alacantino, "un dos proxectos máis ambiciosos da categoría con moito investimento en persoal", explica o segundo adestrador cisneísta, Quiños.

Destacan entre eles "a primeira liña e determinante Matheus Novais; David Jiménez, que ten moito lanzamento; Juan Linares, que está a facer moi boa campaña; e un veterano como Feuchtmann". Ademais, hai que engadirlles "a boa portería, pivotes e extremos", insiste o técnico.

O Eón Alacante, que foi irregular na primeira volta e que se clasificou 'in extremis', chega á cita situado na sétima praza da clasificación con nove puntos, só catro menos que o Cisne, e cun balance dunha derrota fronte a San Pablo Burgos (37-23) e unha vitoria ante Guadalaxara, ao que superaron con solvencia (37-27).

Peores resultados conseguiu o conxunto pontevedrés nas dúas xornadas disputadas da segunda fase, e é que tras caer en casa ante o Eivissa (27-31) e empatar fóra de tempo e en dubidosas condicións ante o Málaga, o Cisne buscará gañar o seu primeiro partido e recuperar o liderado da táboa.

O TEUCRO RECIBE O ESPLUGUES

Con diferentes opcións chega a Sociedade Deportiva Teucro á súa cita deste sábado no Municipal, onde teñen unha cita máis que vital ás 20:00 horas ante o Esplugues se queren seguir tendo opcións de evitar o descenso.

O equipo adestrado por Irene Vilaboa aínda non coñece a vitoria nesta segunda fase, pero mantén as súas opcións intactas ao recibir a un rival que, igual que eles, aínda non gañou ningún partido. 

De feito, o Esplugues caeu por 30-23 co Villa de Aranda no primeiro partido e por 21-33 fronte ao Alcobendas no segundo, dous resultados que o sitúan en oitava posición con seis puntos.

Pecha a clasificación en décimo posto o cadro pontevedrés con tan só dous puntos despois de perder contra Alarcos Ciudad Real (25-33) e Sarrià (25-21), polo que gañar este sábado sería como un bálsamo para afrontar a fase da mellor forma.