O Cisne deixa escapar un punto ante o Caserío

Pontevedra
26 de outubro 2024
Actualizado: 28 de outubro

Os pontevedreses dominaron gran parte do encontro e chegaron a ir gañando por cinco goles. Con todo, nos intantes decisivos desinfláronse e cederon un empate

Partido entre Cisne e Caserío no Municipal
Partido entre Cisne e Caserío no Municipal /

O Club Cisne Balonmán cedeu un punto fronte ao Balonmano Caserío despois de dominar durante practicamente todo o encontro. O equipo pontevedrés chegou a ir gañando por 5 goles, pero desinflouse na recta final.

Saíu espeso á cancha o conxunto branco, penalizado por unha exclusión de Furtado que permitía ao Caserío coller a primeira renda de dous tantos.

Buscou o Cisne a reacción e esta chegou unha vez alcanzados os 10 minutos de xogo. Esta vez foi José Torres o que se foi dous minutos ao baquillo e entre Bruno e Mateo Arias, este último por partida dobre, voltearon o luminoso e colocaron ao seu equipo por diante por primeira vez no partido (7-6).

Os de Lérez xa atoparan a maneira de facer dano e aumentaron o ritmo, pasando a dominar e maniatar a un equipo rival que vía como o encontro se lle escapaba (10-6).

Superado o minuto 20 o Caserío rexurdiu e apertou de novo o luminoso cos tantos de Radojicic e Ruiz, pero Mateo Arias, sobre a bucina, anotou o 13-10 co que se alcanzou o descanso.

Tras o paso polos vestiarios os xogadores de Quiños saíron cunha marcha máis que o seu rival á cancha e anotaron un novo 2-0 co que chegaron a colocarse cinco goles arriba (15-10).

Parecía que todo saía como querían os pontevedreses, pero foi un mero espellismo. Pasado o minuto 10 de xogo as ideas en ataque desapareceron e o Caserío, apoiado nas súas variantes en ataque, recuperou forzas para apertar o marcador e pór contra as cordas aos brancos (20-18).

Continuou o encontro cunha repartición de golpes que beneficiaba ao Cisne, pero os visitantes non estaban dispostos a tirar a toalla así como así.

Quiños parou o tempo a falta de pouco máis de 6 minutos para a conclusión cando o marcador mostraba un 24-22, pero os seus non acertaron na súa ofensiva.

No seu lugar, Manu Lorenzo foi excluído e entre Campanario e Castilla, aproveitando a superioridade numérica, devolveron as táboas ao marcador nos momentos máis críticos (24-24).

Dani Virulegio rompeu a seca de máis de tres minutos dos seus sen anotar e Fis fixo o propio para os seus, anotando o empate a 25. A partir de aí, os dous equipos tiveron a posesión para gañar, pero a desaproveitaron.

Campanario marchou dous minutos ao banco, Alberto Delgado subiu o 26-25, pero o Cisne, a pesar da superioridade numérica, non logrou deter o ataque de Radojicic, que fixo o 26-26 co que concluíu o partido.

Consulta as estatísticas neste enlace