A mala serie do Club Cisne Balonmano parece non ter fin.
Tras unha semana de descanso polo parón da liga, o equipo pontevedrés sufriu un novo tropezo fronte ao Barça Atlètic que lle obriga a reaccionar de maneira urxente de cara ás seis xornadas que restan si quere manter o seu posto na categoría.
E iso que o arranque de partido por parte dos xogadores de Quiños foi practicamente perfecto. Mantiveron a portaría a cero durante o primeiros cinco minutos e en ataque transformaron un parcial de 0-3 que lles facía confiar.
O primeiro tanto local chegou no minuto cinco da man de Ezequiel Conde e as pantasmas apareceron para os brancos, que se apagaron en tarefas ofensivas e viron como o filial blaugrana facía o empate ao oito minutos (4-4).
Entrou o encontro nos instantes de maior igualdade, pero co Cisne levando a dianteira no marcador, que lle permitiu irse ao descanso cunha mínima renda dun tanto (18-19).
Con todo, foi o equipo catalán o que saíu máis enchufado á cancha despois do paso polos vestiarios e alcanzou unha máxima diferenza (24-22) que mesmo os brancos puideron neutralizala, pero no seu lugar converteuse nun 26-23 no ecuador do segundo tempo.
Ante esa clara desvantaxe, Quiños decidiu pedir tempo morto, pero a resposta cisneísta non chegou. Culpa diso tívoa o porteiro Pau Hernández, quen estaba a ser un muro e frustraba todas e cada unha das opcións dos de Pontevedra.
A desesperación e os nervios apropiáronse deles e non atoparon reacción posible para remontar unha diferenza que se volveu maior até quedar no 34-28 definitivo.
Con esta derrota xa son cinco partidos consecutivos que leva o Cisne sen puntuar.
Consulta neste enlace as estatísticas