Polo menos quince corredoras terá o Team Farto-BTC na súa nova tempada na elite nacional do ciclismo feminino. Así o anunciaron este luns os seus responsables, que desvelaron o nome das primeiras nove integrantes do seu plantel.
Trátase de cinco renovacións e de catro novas incorporacións coas que tratarán de seguir crecendo no competitivo circuíto do ciclismo feminino.
A renovación máis destacada é a da líder de filas Isabella Bertold. A canadense cumprirá o seu segundo ano no equipo, mostrando unhas grandes calidades escaladoras en carreiras UCI. Será peza fundamental no esquema deportivo do Farto para o 2025.
Pola súa banda, a incorporación máis notable é a de Ana Portela, que inicia a súa andaina competitiva no Farto-BTC. Tras varios anos de experiencia como staff no Super Froiz, nunca deixou a bicicleta de lado e está "agradecida, emocionada e motivada por esta oportunidade".
O club pontevedrés renovou ademais os contratos da coruñesas Carmen Mallo e Andrea Prado e da porriñesa Laura Mira.
Así mesmo, ascendeu desde o seu equipo xuvenil á talentosa Lucía Piñón, que combina o ciclismo de estrada no Farto cunha bolsa de tríatlon no CGTD de Pontevedra.
Por último, o club incorporou tres novos talentos de Galicia: Lucía Ballester e Xiana Camiña (Club Ciclista Betanzos) e Lara Fuentes (Club Ciclista Cambre).
Todas elas soben á categoría sub23 desde xuvenís. Camiña xa formou parte da estrutura do Farto na súa época como cadete.
A opinión común de todas estas ciclistas é a de "estar tremendamente motivadas por seguir competindo a nivel nacional no equipo de casa", segundo trasladan desde o club.
O Farto-BTC comunicará en próximos días o resto de fichaxes nacionais e internacionais que, en palabras do manager do equipo, Brais Dacal, "están a nivel de calquera equipo profesional".
Dacal explicou que a ilusión do Farto-BTC este ano é "enorme" e que todas as corredoras "veñen con moitas ganas", aínda que saben que "teñen moito que traballar" porque a categoría na que terán que competir é exixente. "É emocionante ver como están a pór un gran esforzo", subliña.
O presidente do club, Abel Farto, mostrouse orgulloso de dar unha oportunidade a ciclistas galegas -con oito corredoras no equipo elite- e que "terán unha boa oportunidade de crecer sen presións innecesarias". Adaptarse á categoría é duro, pero advirte que "non deben perder o tempo".