A Sociedad Gimnástica de Pontevedra inicia o 2025 cunha importante renovación no seu equipo masculino de atletismo, incorporando cinco destacados atletas para fortalecer a súa presenza na tempada de Short Track.
Entre as novas incorporacións destaca unha auténtica promesa olímpica Claudi Gómez, procedente do Atletismo Numantino, quen chega avalado polo seu recente título de campión de España Sub23 en 400 metros lisos.
A súa versatilidade será fundamental para o equipo, especialmente na proba de carreira de postas 4×400, na que é especialista.
O mediofondo refórzase co ferrolán Pedro Osorio, quen se perfila como unha aposta sólida para as probas de 800 e 1500 metros.
A presenza galega amplíase con Xabier Lires, un atleta versátil que, aínda que especializado en 400 metros valos, ten demostrado a súa competitividade en múltiples disciplinas.
Dende a capital española chegan dous importantes reforzos: Yusef Santos, especialista en probas de obstáculos, e o lanzador de martelo portugués Bernardo Oliveira, quen completa a lista de incorporacións para esta tempada.
DESPEDIDAS SIGNIFICATIVAS
A Gimnástica tamén quixo recoñecer o labor de sete atletas que deixan a institución: o saltador Jean Marie Okutu que deixa o club un ano despois do seu regreso, David de la Fuente, David Ferrer, Alfonso García (Sito), Rubén Bellovi, Rubén Lara e Diego Suárez.
A Ximnástica ten destacado non só os seus logros deportivos, senón tamén a súa excepcional calidade humana e espírito de equipo durante a súa etapa no club pontevedrés.