O Carballiño está de celebración. O empate conseguido o pasado domingo polo Arenteiro no Couto fronte ao Ourense CF foi suficiente para certificar, con catro xornadas de marxe, o histórico ascenso a Primeira Federación dun equipo que dominou con man de ferro durante todo o curso o grupo primeiro da Segunda Federación.
Entre os artífices desta xesta están cinco xogadores con pasado recente no Pontevedra e que tamén foron protagonistas de destacados momentos da historia recente do equipo de Pasarón. Son Álex Fernández, Manuel Romay, Adrián Cruz, Pol Bueso e Agustín Pastoriza, Pibe.
Todos eles foron pezas chave no éxito dun equipo que nunha década cambiou o fútbol rexional polos focos da Copa do Rei e, a partir do curso que vén, medirá forza cos históricos clubs que poboan a categoría de bronce do fútbol español.
O capitán e líder do equipo sobre o céspede é Álex Fernández. O Pontevedra prescindiu do xogador hai tres anos, o Arenteiro recrutouno e converteuse en capitán xeral no Espiñedo para conducir ao equipo verde desde a Terceira División a Primeira Federación en só tres campañas. Este ano xogouno todo, titular en 29 dos 30 partidos disputados, Fernández contribuíu ao título tamén na faceta goleadora ao asinar seis tantos.
Ao seu lado no centro do campo estivo este ano Manuel Romay, que cambiou este verán Pasarón polo Espiñedo despois de catro tempadas como granate. Ás ordes de Fran Xusto e Javi Rey, Romay disputou este ano 28 partidos, vinte deles como titular converténdose tamén nunha peza chave na engranaxe ofensiva do equipo do Carballiño.
Outro que deu un paso á fronte na súa xa dilatada carreira tras un paso discreto pola cidade do Lérez é o central Pol Bueso. Nos seus dous anos como granate, o central castellonenco non superou os trinta partidos xogados coa granate, nos que só foi titular en vinte deles. Chegou na tempada cortada pola pandemia e formou parte tamén do grupo que caeu a Segunda Federación o ano da reestruturación. A continuidade atopouna ao ano seguinte cando, despois de tres meses adestrando sen ficha co Arenteiro, formou parte dun equipo que obrou unha extraordinaria segunda volta para certificar a súa permanencia e, este ano, dar un gran paso á fronte ata facerse co ascenso.
Máis discreto foi o ano de Adrián Cruz. O mediocentro de Moaña anotou o domingo o tanto do ascenso, pero as súas aparicións no once foron intermitentes. Do mesmo xeito que lle ocorría na súa segunda etapa en Pasarón, que concluíu hai dúas tempadas, os problemas físicos lastran o desempeño deste talentoso mediocentro que este ano participou só en 12 partidos, tres deles como titular e con dous tantos na súa conta.
Máis afastada queda a etapa de Pibe como granate. Formado na Xunqueira, a velocidade e o desborde do extremo arxentino captou a atención do Betis, co que chegou a xogar coa súa filial en Segunda B e debutar en Primeira co primeiro equipo. Non tivo continuidade e acabou fichando polo Coruxo tras un breve paso por Oviedo.
Desde O Vao foi recrutado de novo polo Pontevedra no mercado de inverno da tempada 2017-2018 para axudar aos de Luismi a evitar o descenso a Terceira. Ao ano seguinte seguiu en Pasarón como suplente de luxo dun equipo que quedou ás portas da fase de ascenso. Antes de recalar no Arenteiro para ser un dos seus xogadores máis desequilibrantes nas dúas últimas tempadas, pasou polo Ourense CF, Burgos Promesas e o Inter Turku finalndés. No Espiñedo disputou este ano 30 partidos anotando cinco goles.
Unha festa á altura do éxito acadado. O @CD_Arenteiro, primeiro en Ourense e despois no seu Carballiño, celebrou o campionato e ascenso a Primeira RFEF con todo o pobo. Incríble o vivido onte durante toda a xornada xunto a gran familia verde no @GALICIANGOLES Parabéns! pic.twitter.com/D19xcgbG7u
— Fer Romero de Paz (@FeRomeroDP) April 17, 2023
Outro exgranate que formou parte do plantel do ascenso do Arenteiro a Primeira Federación é Samu Santos. O central cambiou este verán Pasarón polo Espiñedo, pero en ningún dos dous equipos tivo protagonista o central que, no mercado de inverno, fichou pola Gran Pena de Terceira Federación.
O transvasamento de futbolistas desde O Burgo ao Carballiño foi habitual nas últimas tempadas e da man de exgranates o equipo ourensán foi crecendo ano a ano. Antes deste quinteto, defenderon o verde do Arenteiro exgranates como Javi Pazos, Dani Portela, Naveira ou Pablo Lede.
O ascenso do Arenteiro a Primeira Federación non é ningunha sorpresa. O bo facer dun equipo humilde dunha cidade de menos de 15.000 habitantes está a acaparar os focos do fútbol galego desde hai anos e, recentemente, do fútbol nacional polas súas aparicións na Copa do Rei, á que accederon este ano despois de gañar A Copa Federación. No torneo do KO, o Arenteiro estivo a piques de eliminar ao Valencia o ano pasado, mentres que na presente tempada deixou fóra da Copa ao Almería e o Atlético de Madrid tivo sufrir no Espiñedo para avanzar a oitavos de final.
Ademais, completaron con éxito unha amable transición no banco. A comezos de temporada o Lugo pescou no Carballiño ao adestrador Fran Justo. O salto á Segunda División era unha oferta irrechazable, a directiva do Arenteiro non puxo impedimentos e, asesorados polo propio exadestrador, chegou Javi Rey. O entendemento entre ambos adestradores é pleno e Javi Rey mantivo a esencia do proxecto de Justo para, cos seus toques persoais, seguir contruindo un Arenteiro campión.