A caravana multiculor de La Vuelta Ciclista a España segue o seu curso a poucos días de visitar a provincia de Pontevedra, onde permanecerá durante dúas xornadas.
Tras a xornada de descanso prevista para este martes, o pelotón chegará a Galicia para disputar a etapa entre Ortigueira e A Coruña, o mércores día 10 de setembro.
En canto conclúa esta etapa os equipos dirixiranse aos seus cuarteis xerais, que quedarán establecidos en hoteis da provincia.
Deste modo Cambados e Pontevedra acollerán a cinco escuadras de mércores a xoves 11, día no que La Vuelta afrontará a súa décimo oitava etapa con saída na Estrada e chegada en Monte Castrove Meis.
Entre eses equipo encóntranse os grandes favoritos para gañar a carreira. Así o Parador de Cambados será a sede do Movistar Team de Alejandro Valverde e o Hotel San Marcos da mesma localidade recibirá o Tinkoff-Saxo de Alberto Contador e o Team Sky do británico Chris Froome.
Pola súa banda Pontevedra aloxará dous equipos, o Team Katusha liderado por Joaquim Rodríguez, que se hospedará no Galicia Palace, e o Team Europcar, que quedará dúas noites no Hotel Campaniola.
O Europcar será o único destes equipos que quede dúas noites no mesmo lugar, pois os demais cambiarán de hospedaxe antes de afrontar a segunda das etapas pola provincia, a que unirá Salvaterra e Cangas o venres 12 de setembro.
O resto da caravana de La Vuelta aloxarase na súa maioría en hoteis de Vigo pero tamén en localidades como Lalín, Mondariz, Tui e Silleda o mércores e tamén Ourense, Laias e O Carballiño o xoves.